Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 4 de septiembre de 2018

AREEIRO APUNTA QUE A CALOR DESTES DÍAS PODE ANTICIPAR A VENDIMA FRONTE AO PREVISTO




O persoal técnico aconsella funxicidas e insecticidas biolóxicos se hai que tratar as viñas fronte á botrite e as couzas do acio

A calor destes días está aumentando o grao alcólico das uvas e poderá adiantar a vendima. Así o indica no seu último aviso fitosanitario o persoal técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, que constatou un avance significativo tanto dos graos como na cor dos acios nas viñas das comarcas do Condado, Salnés, Soutomaior e Rosal ao longo desta semana.

O persoal técnico subliña que dado que as axencias de meteoroloxía consultadas anuncian temperaturas por riba dos 30º ata luns continuará aumentando o grao alcólico e probablemente isto permita adiantar a vendima nalgúns viñedos fronte ao anunciado nos avisos anteriores (terceira e última semana de setembro).

En canto ás patoloxías, dende Areeiro subliñan que incluso os acios de variedades máis sensibles á botrite, como Treixadura, Godello ou Loureira están sans en xeral, pero indican que é preciso manter a vixilancia dado que a situación pode variar se as precipitacións que se anuncian para a semana próxima provocan un humedecemento prolongado a nivel dos acios. No caso de necesitar aplicar algún funxicida, a técnica Rosa Pérez lembra que aínda hai algúns que se poderían aplicar por ter menor prazo de seguridade e/ou ser biolóxicos (ver listaxe en https://areeiro.depo.gal/avisos-fitosanitarios).

Por outra banda, baixaron as capturas de couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella) nas comarcas do Condado e subiron nas do Rosal e O Salnés. É preciso lembrar que o limiar de tratamentos depende, máis que das couzas en si mesmas, da sensibilidade da uva á botrite (3-5% de acios con penetracións nas viñas sensibles á botrite e 8% nas menos sensibles) polo que se aplicou un antibotrítico non debería haber maiores problemas. Se non se aplicou tratamento antibotrite, aínda se pode tratar a couza con insecticidas biolóxicos (consultando aos técnicos) no caso de superarse os limiares.

A técnica responsable dos avisos fitosanitarios de Areeiro tamén recomenda ler moi ben a etiqueta dos produtos fitosanitarios para coñecer o prazo de seguridade e así saber cantos días deben transcorrer entre a aplicación e a recolección. Ademais, débese atender ás etiquetas, que informa de cales son os cultivos sobre os que está autorizado o produto, as doses de aplicación e outros datos de interese como posibles riscos.

 Outros cultivos e plantas
A EFA tamén sinala, con respecto ás maceiras, que é necesario lembrar que as couzas da mazá poden afectar aos froitos ata o momento da colleita e que é necesario retirar as trampas que se instalaron para a captura das eirugas. Por outra banda, e dado que cada vez son máis as plantas con abundantes mazás no solo con feridas e podremias, estas tamén deben ser eliminadas para evitar que continúen o seu desenvolvemento especies de dípteros das froitas (que cada ano son máis frecuentes na nosa zona) e que se estenda a contaminación polos fungos oportunistas.

Sobre as patacas, dende Areeiro apúntase que algúns particulares advirten de que os tubérculos aparentemente sans teñen no centro unha ou dúas cavidades ovais ou en forma de estrela. Segundo Pérez, trátase dunha alteración (que tamén ten sucedido outras campañas) causada por un desequilibrio hídrico no crecemento do tubérculo a consecuencia da climatoloxía cambiante deste ano que se denomina ‘corazón oco’.

Finalmente, en canto ao buxo, continúa a evolución do ciclo da Cydalima perspectalis cada vez máis estendida en Galicia. “De feito, se ata agora sabiamos da súa presencia nas provincias de Pontevedra e A Coruña, este ano estamos a ter numerosas consultas tamén de Ourense”, explican. “Na nosa provincia atopamos esta semana diversidade de situacións segundo as zonas, desde eirugas pequenas alimentándose ata crisálidas recentemente formadas e tamén adultos”, polo que aconsellan vixiar a situación de cada sebe ou planta en particular co obxectivo de tratala antes de que sexa máis difícil o control destas voraces eirugas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario