§
Case 42.000 euros destinaranse a
concellos e organizacións de acción voluntaria dependentes da delegación
territorial da Xunta en Pontevedra.
§
Este voluntariado recollerá diversas
actividades para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos
A Xunta de Galicia, a través da Dirección
Xeral de Xuventude e Voluntariado, investirá este ano preto de 90.000 euros ao
desenvolvemento de proxectos de voluntariado xuvenil por parte das entidades de
acción voluntaria e dos concellos da provincia de Pontevedra.
Deste investimento en
toda a provincia, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores
Touris, destacou os 27.310 euros destinados aos concellos de Arbo, Barro,
Cuntis, O Grove, Ponteareas, Pontecesures, Tomiño, Valga e Vila de Cruces. Así
mesmo, 14.388,62 euros foron tamén asignados a organizacións de acción
voluntaria de Cambados, Lalín, Pontevedra Valga e Vila de Cruces, sumando deste
xeito un total de 42.698,62 euros investidos nos concellos pontevedreses
dependentes desta Delegación.
“Grazas a este programa poderanse
beneficiar un total de 182 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e
os 30 anos”, explicou Cores Tourís, que engadiu que “os proxectos teñen unha
duración de entre 15 e 60 días e a maior parte teñen que ver con colectivos en
situación de risco de exclusión e relacionados con actividades medio
ambientais, aínda que tamén abranguen distintas actividades vinculadas ao
Camiño de Santiago, á recuperación da cultura, arte e tradicións populares
galegas e a igualdade de xénero”.
O delegado territorial tamén
comentou que “a participación xuvenil en actividades de voluntariado axuda aos
mozos e mozas a adquirir valores moi positivos, coma o traballo en equipo, a
comunicación, a responsabilidade e a autoconfianza”. “En total, os
participantes farán 54.702 horas de voluntariado ben nos 9 concellos beneficiados
ben a través das 5 entidades de acción voluntaria dependentes da delegación
territorial de Pontevedra”, matizou Cores Tourís.
Este é o primeiro programa en todo
o Estado que aposta polo compromiso social directo da mocidade. Ademais, tamén
resaltou que os participantes recibirán unha certificación oficial da
experiencia adquirida mediante este proceso de educación non formal, segundo
establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en
2011.
Ao programa de Voluntariado
Xuvenil, o departamento autonómico destina en 2014 un total de 440.000 euros
para toda Galicia, un 17 por cento máis que o ano pasado, o que permite que en
toda Galicia se incorporen como voluntarios 736 mozos e mozas a proxectos
solidarios de 54 concellos e 68 entidades.
José Manuel Cores Tourís rematou
animando á mocidade a participar en proxectos deste tipo, xa que “hoxe en día
resulta necesario e enriquecedor complementar as ensinanzas académicas coas
experiencias e competencias adquiridas mediante programas de educación non
formal de participación xuvenil”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario