CONSTITUÍDA FORMALMENTE A MESA DO CAMIÑO PORTUGUÉS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA LEVAR A CABO A CONSOLIDACIÓN, SINALIZACIÓN E DELIMITACIÓN DEFINITIVA DO TRAZADO DA RUTA NOS 12 CONCELLOS QUE ATRAVESA NA PROVINCIA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 5 de agosto de 2014

CONSTITUÍDA FORMALMENTE A MESA DO CAMIÑO PORTUGUÉS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA LEVAR A CABO A CONSOLIDACIÓN, SINALIZACIÓN E DELIMITACIÓN DEFINITIVA DO TRAZADO DA RUTA NOS 12 CONCELLOS QUE ATRAVESA NA PROVINCIA




§         Trátase dunha mesa de traballo permanente para potenciar o Camiño e convertelo nun referente de accesibilidade e seguridade, así como para potencialo e levar a cabo a delimitación oficial definitiva do mesmo
§         A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez participou na constitución da Mesa e resaltou o feito de que o Camiño é o primeiro elemento vertebrador da oferta turística de Galicia. De cada 100 peregrinos que chegan a Santiago 60 son estranxeiros. Nava Castro incidiu na importancia de que os sectores públicos e privados estean preparados para atender esta demanda
§         No que vai de ano percorreron o Camiño Portugués 19.578 peregrinos, un 17,24% máis que no mesmo período de 2013

Onte  constituíuse en Pontevedra a primeira Mesa de Traballo do Camiño Portugués para a posta en valor da ruta e para acometer traballos de consolidación, limpeza e sinalización de maneira coordinada entre as administracións locais, provincial e autonómica. Alcaldes dos concellos de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures, por onde pasa o Camiño Portugués, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen López Ínsua e mais o presidente da Fundación do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores, e técnicos da Xunta e da institución provincial constituíron formalmente esta Mesa na que se promoverán iniciativas para a consolidación e posta en valor do trazado da ruta ao seu paso pola provincia de Pontevedra.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que a constitución desta Mesa de Traballo é moi importante porque o Camiño é o primeiro elemento vertebrador da oferta turística de Galicia e percorre máis de 115 concellos da comunidade galega. A directora de Turismo de Galicia resaltou a gran a afluencia que está a rexistrar a ruta e indicou que a oferta de albergues públicos cubre só o 10% da demanda existente nas Rutas Xacobeas, de modo que a súa capacidade de desenvolvemento económico é moi elevada.

Nava Castro resaltou tamén que de cada 100 peregrinos que veñen a facer o Camiño, 60 son estranxeiros, polo que tanto o sector público como a oferta privada ten que estar preparada para asumir esta oferta e esta realidade. Segundo destacou a directora de Turismo, “con esta iniciativa pretendemos que grazas a este traballo conxunto, o Camiño Portugués sexa unha referencia en canto á súa conservación, posta en valor e consolidación de cara ao vindeiro Ano Santo”.

O presidente da Deputación de Pontevedra anunciou o investimento dun millón de euros  por parte da Administración Provincial na potenciación desta ruta e indicou que xa se contrataron 50 traballadores para acometer traballos de limpeza e sinalización da mesma e que nos vindeiros días a cifra ascenderá a 100. Ademais, trabállase tamén na eliminación de puntos negros no trazado e na sinalización e acondicionamento do camiño.

Pola súa parte, a directora xeral de Patrimonio incidiu no feito de que os estudos históricos necesarios para a delimitación da ruta xa están realizados e a partir de setembro iniciaranse as conversas cos concellos para levar a cabo a resolución da incoación da delimitación do Camiño. A delimitación, segundo matizou, dotará de seguridade xurídica tanto ao trazado como ao territorio histórico da ruta.


Peregrinos polo Camiño Portugués
O Camiño Portugués é xa a segunda ruta en afluencia. No que vai de ano polo Camiño Portugués chegaron 19.578 peregrinos -un 15,52% do total de peregrinos que percorreron a Ruta Xacobea entre o 1 de xaneiro e o 4 de agosto-. En total son 2.897 peregrinos máis que os recibidos en 2013 polas mesmas datas. Isto é un 17,24% máis.

Dende o 1 de xaneiro recolleron a Compostela un total de 126.179 peregrinos, 10.714 máis que no mesmo período do ano pasado, un incremento do 9,28%.

No hay comentarios:

Publicar un comentario