Onte amañá quedou formalmente constituída a
primeira Mesa de Traballo creada en Galicia para poñer en valor a ruta xacobea
· Nas
próximas semanas contrataranse a 100 traballadores para realizar tarefas de
limpeza e acondicionamento do camiño nos 12 concellos polos que pasa
· A
Administración Provincial contratou tamén unha consultora para a eliminación de
puntos negros nos cruces do Camiño con estradas nacionais, provinciais e
autonómicas e para a mellora da sinalización
· En
setembro abrirase un proceso de consultas cos concellos para a delimitación
definitiva do trazado do camiño
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael
Louzán, anunciou onte a mañá un investimento de 1 millón de euros por parte da
Administración Provincial na potenciación do Camiño Portugués ao seu paso pola
provincia.
Louzán fixo estas declaracións ao remate da
xuntanza da Mesa de Traballo que onte quedou formalmente constituída e que está
integrada polos 12 concellos polos que pasa esta ruta, xunto coa secretaria
xeral de Turismo, a directora xeral de Patrimonio, o xerente do Xacobeo e o
presidente da Fundación do Camiño Portugués a Santiago, ademais do propio presidente
da Deputación.
Trátase da primeira mesa creada en Galicia para
promover e poñer en valor o Camiño Portugués, co obxectivo de converter esta
ruta nun “referente de accesibilidade, referente en sinalización e referente
nun trato exquisito de información aos peregrinos”, tal e como salientou o
presidente da Deputación.
Con este obxectivo, a Deputación ten xa
contratados a 50 traballadores e ampliará nos próximos días esta cifra ata os
100, para a realización de traballos de limpeza e acondicionamento da ruta ao
seu paso polos 12 concellos da provincia de Pontevedra afectados.
Paralelamente, unha consultora traballa na
eliminación de puntos negros no cruce do camiño coas estradas nacionais,
autonómica e provincias, así como en tarefas de sinalización e consolidación do
camiño.
Louzán considerou que se trata “dunha actuación
fundamental” porque “se trata dun recurso turístico de primeira magnitude” cun
gran potencial de crecemento e desenvolvemento.
Neste sentido, a secretaria xeral de Turismo,
Nava Castro, lembrou que a elevada demanda turística e de servizos que xera
tanto o Camiño Portugués como as demais rutas xacobeas non está aínda
completamente cuberta, como o demostra o feito de que “os albergues públicos só
cobren o 10% da demanda dos camiñantes”, o que supón “que ten aínda unha enorme
capacidade de desenvolvemento económico” que reclama a implicación de toda a
sociedade na súa posta en valor.
Castro lembrou que os Camiños de Santiago “son o
primeiro elemento vertebrador do turismo en Galicia” e exercen un gran poder de
atracción no turismo internacional. Así, indicou que o 60% dos peregrinos que
fan as distintas variantes do camiño son de fóra de España “polo que é preciso
que esteamos preparados todos, tanto o sector público como a hostalería, a
restauración e os servizos para mellorar o camiño”.
Delimitación
histórica do trazado
Precisamente con este obxectivo, a dirección
xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia ten xa avanzados os pasos previos para
a delimitación oficial do trazado do Camiño Portugués.
Así, a responsable deste departamento, María del
Carmen Martínez Ínsua, anunciou que a partir do mes de setembro comezarán xa as
conversas cos concellos polos que pasa esta senda para ir pechando esta
delimitación, para a que xa están realizados os estudos históricos necesarios.
Este é precisamente un dos aspectos nos que se
traballa tamén na Mesa impulsada pola Deputación.
Martínez Ínsua e Louzán incidiron en que esta
delimitación contribuirá a unha mellor conservación e fará máis doada a
potenciación do camiño, dando “seguridade xurídica tanto en canto ao trazado
como ao territorio afectado” e facilitando a coordinación das actuacións que
nel se realicen.
Louzán pediu a implicación dos concellos e
“superar posibles susceptibilidades” para sacar adiante a delimitación definitiva
que “fará moito máis fácil manter o camiño en perfecto estado, como o queren
ver e ter todos os camiñantes que van a Santiago” e que no que vai de ano se
incrementaron non 16%.
Finalmente, o presidente da Deputación valorou a
dispoñibilidade de concellos, Xunta e entidades como a Fundación do Camiño
Portugués para traballar coordinadamente, a través da mesa impulsada pola
Administración Provincial, a traballar coordinadamente e facer así posible
reforzar un dos principais motores turísticos de Galicia e as Rías Baixas.
Concellos
representados na mesa:
TUI; O PORRIÑO; MOS; REDONDELA; SOUTOMAIOR; VILABOA;
PONTEVEDRA; BARRO; PORTAS; CALDAS DE REIS; VALGA E PONTECESURES.
No hay comentarios:
Publicar un comentario