O DOG publica a orde na que se definen
as normas para a pesca de determinadas especies nas augas continentais da
Comunidade Autónoma
§ Entre as
novidades desta tempada destaca ao aumento de cotas nos ríos Lérez e Ulla para a captura do salmón, que
no segundo caso chega aos 60.
§ A pesca do reo iniciase o 1 de maio e
remata o 31 de xullo, prolongándose en diferentes coutos ata setembro, mentres
que a captura da troita comeza o 16 de marzo ata o 31 de xullo, agás nos coutos
conveniados, nos que se prolongará ata o 30 de setembro na modalidade de pesca
sen morte.
§ A orde tamén aclara as condicións da
captura das especies exóticas invasoras.
§
Con carácter xeral, decláranse os luns como
inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non
festivos só se poderá practicar a pesca sen morte
A tempada de pesca para o ano 2015 na
Comunidade galega comezará o vindeiro 15 de marzo e rematará o 31 de xullo, con
carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas
augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase dunha orde anual na que se
definen as normas xerais de pesca de distintas especies ictícolas e dos demais
seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia e que é acorde aos
artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas
acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).
Unha das novidades que destaca na orde que se
publica hoxe é o aumento de cotas nos ríos Lérez e Ulla para a captura do
salmón. No primeiro dos casos, o Lérez, permítese a pesca de 15 exemplares (3
máis que en 2014); mentres que no caso do Ulla increméntanse en 10 máis, polo
que se permite a captura de 60 salmóns.
Salmón
O período hábil para a pesca do salmón irá
dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da
temporada en función das cotas de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a
tempada dará comezo o 26 de abril e rematará o 15 de xullo, por acordo coas
autoridades do Principado de Asturias.
A cota de captura está establecida nun
exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros.
Destaca a subida das cotas nos ríos Lérez e Ulla, que pasan de 12 a 15
exemplares no primeiro e de 50 a 60 no segundo. No río Mandeo os exemplares
serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmean. No resto dos
coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
En relación cos engados (engado é o material
que se pon no anzol para atraer á presa e que o trague) poden ser naturais
autorizados como as miñocas e quisquillas, ou artificiais que son construídos
imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que
se queren capturar. Estes poden ser a mosca artificial, culleriña e peixes
artificiais ou semellantes. Dende o 1 de xuño ata fin da tempada os engados só
poderán ter un anzol simple. Para a pesca sen morte do salmón no río Ulla
autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño.
A pesca do reo
A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e
remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:
-
Coutos
de Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, Ponte do Porto, Ribeiras,
Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xubia: a tempada rematará o 30 de
setembro.
-
Coutos de
Betanzos e Lambre: ata o 15 de setembro.
-
Coutos de
Monteporreiro, Ponte Arnelas, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o
30 de setembro só permitirase a modalidade de pesca sen morte.
-
Sobre os engados, nos caso dos artificiais
permítense os mesmos que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que
respecta aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de
peixes e o peixe natural, e nas augas salmoneiras non se permiten os cebos
naturais agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.
Captura da troita
Para esta especie a tempada comezará o 15 de
marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos conveniados prolongarase ata o 30 de
setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo
ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.
Por norma xeral establécese a posibilidade de
capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19
centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.
Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se
aclaran as condicións da captura das seguintes especies: como cangrexo
vermello americano, cangrexo sinal,e os ciprínidos, que manteñen o mesmo réxime
que o da anterior tempada, co excepción de que no caso dos ciprínidos se limita
a un máximo de dous anzois por cana con carácter xeral para os encoros nos que
se autoriza a pesca todo o ano.
Xornadas hábiles
Tal e como se recolle na normativa, con
carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos
nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá
pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga.
En relación coas horas, só se poderá
practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol
e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de
MeteoGalicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario