Trátase da primeira convocatoria de subvencións en materia
de igualdade que beneficiará a 33 concellos da provincia de menos de 20.000
habitantes
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén
de aprobar a concesión da primeira convocatoria de subvencións destinadas a
concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de
oportunidades e a prevención da violencia de xénero. En total, esta subvención
achegará máis de 134.000 € a 33 concellos da provincia.
A Deputación de Pontevedra, con esta iniciativa que
se desenvolve por vez primeira, ten por obxectivo traballar en estreita
colaboración cos concellos, por ser o nivel máis próximo á cidadanía e polo
coñecemento que teñen da súa poboación, para que impulsen e realicen actuacións
de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Grazas a esta achega, 33 concellos da provincia de
Pontevedra con poboación inferior ós 20.000 habitantes -tal e como asegurou a
Presidenta da Deputación Carmela Silva- “poderán levar a cabo proxectos e
actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista;
sacar adiante iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais de coordinación
interinstitucional contra a violencia de xénero; fomentar proxectos para a
mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero, fillas, fillos
e persoas dependentes ó seu cargo; impulsar actuacións destinadas a mulleres en
situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; levar a
cabo proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o
emprendemento e a inserción laboral das mulleres; sacar adiante accións
encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade, así como as
orientadas á difusión e avaliación do mesmo; fomentar actividades dirixidas a
crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e
conciliación da vida persoal, familiar e profesional; impulsar proxectos de
prevención e sensibilización no eido educativo dirixidas ó alumnado,
profesorado e familias co fin de dotar de estratexias educativas para o fomento
da igualdade de trato e oportunidades así como levar a cabo campañas de
difusión e sensibilización en materia de igualdade”.
Os concellos beneficiarios desta primeira
convocatoria de subvencións en materia de igualdade son Arbo, Barro, Baiona,
Bueu, Caldas de Reis, Cambados, A Cañiza, Catoira, Cotobade, Cuntis, Fornelos
de Montes, O Grove, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, As Neves,
Nigrán, Oia, Poio, Pontecaldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia,
Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño e Valga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario