Ethel Vázquez e Milagros
Otero asinaron hoxe un novo convenio destinado a priorizar a atención por parte
do Goberno galego ás persoas que acudan á Valedora do Pobo por problemas
relacionados co dereito á vivenda
§
A conselleira salienta a
importancia de establecer unha canle de comunicación directa coa Valedora do
Pobo para “garantir unha resposta áxil e proporcionarlles a aquelas persoas que
teñen dificultades solución rápidas e eficaces”
A Xunta e a Valedora do Pobo ampliarán a súa
colaboración fronte aos desafiuzamentos co obxectivo de reforzar a atención ás
familias que afrontan un risco de desaloxo da súa vivenda habitual por non pode
pagar o alugueiro. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez
Mourelle, e a Valedora do Pobo, Milagros Otero, asinaron hoxe un novo convenio
priorizar a atención por parte do Goberno galego ás persoas que acudan a esta
institución por problemas relacionados co dereito á vivenda.
En virtude deste acordo, a Xunta recibirá
información directa e prioritaria sobre aqueles procedementos de
desafiuzamentos por execución hipotecaria e que teñen que ver coa falta de pago
das rendas do aluguer dos que teña constancia a Valedora do Pobo. O convenio dá
continuidade ao marco de colaboración que veñen mantendo ambas institucións
desde maio do ano pasado, co que a Valedora facilitaba información sobre os
diferentes casos que lle chegan de afectados por execucións hipotecarias.
Ethel Vázquez remarcou que “o convenio que hoxe
firmamos consolida este maior ámbito da colaboración e de movemento de
información para os supostos de impago de renda de aluguer” e puxo o acento na
importancia de establecer unha “canle de comunicación directa” entre a Xunta e
a Valedora do Pobo para garantir “unha resposta áxil e proporcionarlles a
aquelas persoas que teñen dificultades solucións rápidas e eficaces” en
relación coa vivenda.
Segundo sinalou, para o Goberno galego, esta
é unha materia “absolutamente prioritaria”, xa que é imprescindible garantir o
dereito constitucional á vivenda e ofrecer solucións a aquelas persoas e
familias que poidan estar en risco de perder o seu fogar.
O acordo que se renovou hoxe garante para os
afectados a mellor atención e información sobre os seus dereitos e sobre as
medidas postas en marcha pola Xunta ás que poden acollerse como o conxunto de
12 programas e actuacións do Goberno galego destinados a atallar os
desafiuzamentos e a apoiar ás persoas en risco de exclusión residencial.
Vázquez Mourelle destacou que o Executivo
autonómico “pretende, sobre todo, dar unha resposta áxil, proporcionar a
aquelas persoas que teñen dificultades solucións rápidas e eficaces ás súas
necesidades de vivenda, para isto, a Valedora do Pobo comprométese a
trasladarnos a información da que dispón correspondente a consultas que teña
recibido nesta materia”.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda
destacou que “a Xunta examinará os datos ofrecidos para dirixirnos ás familias afectadas co fin de atendelas de xeito
inmediato e ofrecerlle a posibilidade de acollerse a aquelas medidas que
resulten máis axeitadas a cada caso”.
En definitiva, “Xunta e Valedora do Pobo ratificamos a nosa
aposta e a nosa vontade de seguir traballando conxuntamente na loita contra os
desafiuzamentos; para evitar que en Galicia haxa familias que poidan quedar sen
fogar por motivos económicos”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario