AMPLÍASE O PRAZO DE MATRÍCULA NA ESCOLA DE CANTERÍA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 24 de septiembre de 2016

AMPLÍASE O PRAZO DE MATRÍCULA NA ESCOLA DE CANTERÍA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


O alumnado interesado poderá matricularse ata o vindeiro martes 4 de outubro

A Escola de Cantería, dependente da Deputación de Pontevedra, amplía o prazo de matrícula para o curso 2016-2017, que vai comezar as clases a primeiros de outubro. As persoas interesadas en realizar estes estudos poderán matricularse aínda entre hoxe, 20 de setembro, e o vindeiro martes 4 de outubro. O importe da matrícula é de 114,50 euros. No curso pasado, preto de 50 alumnos e alumnos estudaron  neste centro, que funciona dende 1979.

Para formalizar a matrícula, alumnos e alumnas teñen que presentar o impreso oficial, acompañado da seguinte documentación: fotocopia do DNI, dúas fotos, fotocopia da partida de nacemento, certificado de estudos realizados, certificado médico e resgardo de aboamento das taxas de matrícula. Pódese presentar directamente na Secretaría da Escola de Cantería, situada en Poio, ou ben no Rexistro Xeral da Deputación ou por calquera outro mecanismo previsto na Lei 30/1992 do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e de Procedemento Administrativo Común.

A Escola de Cantería é un centro educativo único en Galicia, que permite estudar a arte de traballar a pedra, continuando o saber dos antigos canteiros e canteiras da nosa terra. Ademais, entre os seus obxectivos está o de contribuír a restaurar o patrimonio histórico-artístico tanto da provincia como doutros lugares, así como dotar de mobiliario urbano a vilas e cidades.

Ao longo do pasado curso 2015-2016, alumnos e alumnas realizaron máis de 20 obras escultóricas e arquitectónicas, entre as que podemos destacar as de María Soliña para o concello de Cangas, as cunchas de vieira para a Asociación Cultural da Vieira de Madrid, a peana para o busto de Enrique Peinador en Vigo ou o busto de Rosalía de Castro para os veciños de Domaio en Moaña. Así mesmo, dende a Escola tamén se traballou na restauración de innumerables pezas do noso patrimonio histórico-artístico, tales como o Cruceiro de Campelo en Poio, o Obelisco de Vilagarcía, o Cruceiro da Gándara en Valga ou a Balaustrada do Ateneo de Combarro.

Para estudar na Escola de Cantería hai dúas opcións: a formación oficial con clases polas mañás de luns a venres -cunha duración de tres anos, que se pode ampliar dous anos máis para obter o título de mestre ou mestra canteiro-, e  a formación específica con clases nocturnas de luns a xoves, con dous anos de duración.

Con 37 anos de historia, a Escola de Cantería impulsa a formación na arte de traballar a pedra, tanto dende un punto de vista teórico coma práctico. Os estudos oficiais compóñense de materias base para a formación no dominio de ferramentas, materiais, técnicas e oficios; así como materias complementarias que aportan coñecementos para facilitar o traballo material de labrar a pedra. Pola súa banda, os estudos específicos céntranse nas técnicas de cantería e escultura dunha formación teórica e práctica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario