Os técnicos da EFA sinalan
que é imprescindible eliminar a coroa de palmas das palmeiras afectadas por
picudo para evitar riscos persoais e materiais xa que hai risco de fácil
desprendemento
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro
dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar hoxe un aviso
fitosanitario extraordinario con motivo do temporal ‘Ana’, no que aconsella
tratar canto antes as árbores danadas pola cicloxénese para evitar a entrada de
patóxenos. Así mesmo, os técnicos advirten que hai importante risco de caída
das palmas afectadas polo picudo, xa que se desprenderán con máis facilidade ao
estar cargadas de auga e afectadas pola acción do vento, motivo polo que é
preciso retiralas con urxencia.
Segundo se indica no aviso, os
ventos e as precipitacións asociados á cicloxénese de onte, con rachas de ata
130-150 quilómetros por hora nalgunhas zonas da provincia de Pontevedra e
choivas que acadaron os 160-177 litros por metro cadrado noutras, provocaron
diferentes incidencias nas árbores: algunhas foron arrincadas de raíz pero
outras sufriron rotura de pólas e rachos de diferente importancia. “As roturas
e os rachos deixan exposta unha superficie de madeira irregular e tocos que
poden favorecer a entrada de fungos patóxenos que comprometan a vitalidade da
árbore”, apuntan, motivo polo que será necesario actuar sobre as superficies
rachadas, limpando os rachos, eliminando os tocos e protexendo a madeira con
cicatrizantes ou outros funxicidas.
Tamén
haberá que actuar sobre as palmeiras moi afectadas polo picudo Rhynchophorus ferrugineus, pois a carga
que supuxo a elevada cantidade de auga que caeu e a acción do vento farán que
as palmas se desprendan con máis facilidade. Para evitar riscos persoais ou
materiais, segundo os técnicos, “é imprescindible eliminar a totalidade da
coroa de palmas -medida por outra banda obrigatoria para evitar a dispersión da
praga- e nunca deixar os restos acumulados, senón enterralos a profundidade ou
queimalos”.
Por
outra banda, esta cicloxénese tamén provocou a caída de parte da froita de
árbores como os cítricos. Dende a EFA indican que é necesario retirar a maior
cantidade da froita que estea no solo, pois pode atraer a patóxenos
oportunistas e tamén a diversas especies de moscas da froita, que este ano
están a ser especialmente abundantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario