UN TOTAL DE 260 CENTROS EDUCATIVOS PÚBLICOS PONTEVEDRESES CONTA CON PLANS DE FORMACIÓN DO PROFESORADO - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 10 de diciembre de 2017

UN TOTAL DE 260 CENTROS EDUCATIVOS PÚBLICOS PONTEVEDRESES CONTA CON PLANS DE FORMACIÓN DO PROFESORADO



§  A integración das novas tecnoloxías, a convivencia escolar e o clima nas aulas, as iniciativas formativas no ámbito STEM, e escola inclusiva e atención á diversidade son as liñas de traballo máis demandas polos colexios
§  O obxectivo destes plans e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares do alumnado

Un total de 260 centros educativos públicos da provincia de Pontevedra terán este curso un Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) con unha ou máis liñas formativas. Deles, un total de 140 incorpóranse este curso á iniciativa, mentres que outros 120 xa participaron nela o curso pasado. A relación de centros implicados pode consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23825.

O obxectivo destes plans -que cada ano pon en marcha a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- é perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares do alumnado. Trátase de que cada centro desenvolva actividades centradas nas súas necesidades, ao tempo que se propicia unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender e xerar coñecementos. A Consellería prestará o seu apoio económico e humano a estes plans de formación a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos centros de formación e recursos (CFR).

No conxunto de Galicia, este curso desenvolverán estes plans 688 centros de ensino públicos, o 70% do total e case o dobre ca o curso pasado.

Liñas máis demandadas
As liñas máis demandadas para o presente curso foron a Integración didáctica das TIC, traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais e Educación Dixital (un total de 220 centros); convivencia escolar e clima da aula, centros saudables e relación coas familias (200 centros), iniciativas formativas no ámbito STEM (110 centros) e escola inclusiva e atención á diversidade (150 centros).

Módulo de formación sobre igualdade
Como novidade neste curso, todos os Plans de Formación do Profesorado, así como os grupos de traballo e seminarios contan cun módulo formativo en liña obrigatorio sobre igualdade, convivencia e inclusión, cun recoñecemento de 20 horas de formación que busca facilitar o coñecemento sobre as cuestións básicas dos protocolos e plans de actuación da Consellería nesta materia.

Na convocatoria actual a liña de traballo prioritaria dos plans de formación é a programación, avaliación e metodoloxías que favorecen a adquisición das competencias clave segundo os novos currículos. Ademais, os plans de formación poden tratar unha das seguintes liñas: ‘Planificación estratéxica das linguas no centro’; ‘Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais. Educación dixital’; ‘Atención á diversidade e cambios metodolóxicos asociados’; ‘Convivencia escolar e clima da aula. Relacións coas familias’; ‘Actualización científica e didáctica do profesorado’; ‘Mellora da xestión dos centros (con especial atención á xestión directiva) e dos procesos de calidade’; ‘Programas europeos e internacionais: accións e plans de promoción e desenvolvemento’; e ‘Biblioteca escolar, alfabetizacións múltiples e aprendizaxe por proxectos’.




No hay comentarios:

Publicar un comentario