§ Nava Castro participou hoxe na Mesa do Camiño de Santiago en
Pontevedra, onde quedou de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia cos
itinerarios xacobeos desta provincia, nos que se intensificarán as melloras e
iniciativas o próximo ano
§ A directora de Turismo de Galicia sinalou que 2018 “suporá un antes e
un despois para o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa” cara ao Xacobeo
2021
§ Ambas as rutas experimentaron un salientable crecemento e xa
representan en conxunto máis do 22% do total de peregrinos que percorren o
Camiño de Santiago
§ O Camiño de Inverno conta desde este outono cunha nova guía
divulgativa, á que se engadirán as futuras accións contidas no cronograma
previsto pola Xunta
A directora de Turismo de
Galicia, Nava Castro, participou hoxe na Mesa do Camiño de Santiago na
provincia de Pontevedra, onde avanzou os numerosos recursos que a Xunta de
Galicia investirá en 2018 no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa. O
Plan director do Camiño de Santiago, seguindo o calendario previsto, dedicará o
próximo ano a estes dous itinerarios, con diferentes accións de mellora tanto nos
trazados como nos seus recursos e infraestruturas, a súa promoción e
divulgación.
Esta xuntanza, a segunda no que vai de ano
despois da celebrada o pasado mes de maio, reuniu os representantes das administracións
implicadas nos catro camiños de Santiago que percorren Pontevedra: a Xunta de
Galicia, a Deputación Provincial e os concellos polos que discorre o Camiño
Portugués, o Camiño Portugués da Costa, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno.
Como lembrou Nava Castro, os itinerarios oficiais en Pontevedra multiplicáronse
por dous o pasado ano grazas á aprobación da nova Lei do patrimonio cultural de
Galicia.
“O compromiso de Turismo de Galicia coa ruta
xacobea na provincia de Pontevedra vaise intensificar dun xeito importante o
próximo ano”, declarou Nava Castro, quen afirmou que o 2018 “suporá un antes e
un despois para o Camiño Portugués e para o Portugués da Costa”.
De feito, os orzamentos autonómicos para o
vindeiro exercicio teñen en conta o proxecto de acondicionamento e sinalización
de ambos os itinerarios, como xa fixera desde 2015 o Camiño do Norte, o Camiño
Primitivo, o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra-Muxía. Estas medidas redundan
na seguridade dos peregrinos e melloran a súa experiencia e acollida. No mesmo
eido, acordouse solicitar ao Ministerio de Fomento, como parte da liña de
traballo iniciada, seguir afondando na implementación de novas medidas que
favorezan a peregrinación.
Haberá, así mesmo, programas de dinamización
cultural, iniciativas de promoción, accións para escolares ou exposicións
divulgativas, que potenciarán estas rutas pontevedresas.
Accións
xa desenvolvidas
Nava Castro tivo oportunidade tamén de repasar
algunhas das accións desenvolvidas ao longo deste ano, como o reforzo da
sinalización provisional dos novos itinerarios oficiais, as melloras nos
albergues para os peregrinos con diversidade funcional ao abeiro do Plan de
accesibilidade turística e do Camiño de Santiago ou iniciativas promocionais
que divulgaron estas rutas entre axentes, xornalistas ou blogueiros de países
como Irlanda, China o Brasil.
A elas, engádese a nova guía do Camiño de
Inverno presentada recentemente. Tanto esta ruta como a Vía da Prata tamén
están incluídas no cronograma do Plan director do Camiño de Santiago, de xeito
que chegarán completamente preparadas ao próximo Xacobeo 2021.
Grazas a todas estas medidas estase
acompañando o crecemento do Camiño Portugués, que xa é o segundo máis elixido
polos peregrinos despois do Camiño Francés. Nos últimos anos non deixou de
incrementarse a súa relevancia a partir do proceso de diversificación de fluxos
que a Xunta de Galicia está a promover co Plan director do Camiño de Santiago,
que pon en valor as nove rutas xacobeas por terra que percorren a Comunidade
galega.
En concreto, no que vai de ano fixeron o
Camiño Portugués máis de 58.500 peregrinos, un 17,8% máis que no mesmo período
do 2016. No caso do Camiño Portugués da Costa, a suba é de ata o 181%, ao
pasar, coa súa oficialización, de 2.600 peregrinos a máis de 7.200. En
conxunto, ambos os itinerarios xacobeos reciben máis do 22% do total de
camiñantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario