§ Reformularanse as achegas para a contratación de persoal nas oficinas
de turismo, as festas de interese, as infraestruturas turísticas e os
xeodestinos
§ O obxectivo do Goberno galego é adoptar fórmulas máis flexibles para
axilizar as subvencións e axustar os requisitos e condicións á situación actual
A Xunta de Galicia manterá o seu apoio ao turismo rural adaptando os
obxectivos e tramitación das distintas liñas de axudas aos concellos ao
escenario post Covid-19. Así pois, reformularanse as achegas para a
contratación de persoal nas oficinas de turismo durante o verán, para as festas
de interese turístico, para a mellora de infraestruturas turísticas ou xeodestinos
co obxectivo de adoptar fórmulas máis flexibles que permitan manter e axilizar
as subvencións e axustar os requisitos e condicións á situación actual.
Trátase
dunhas axudas que a Xunta viña convocando anualmente a través de ordes e que
pasarán a realizarse a través de convenios individuais para axilizar a súa
tramitación, pactar os obxectivos de cada liña adaptándoas a cada caso
particular e para evitar que queden partidas sen executar. O Diario Oficial de
Galicia (DOG) publicará mañá a resolución a estes efectos, o que permitirá
substituír a ferramenta administrativa para que se poidan aplicar as novas
partidas orzamentarias o que, en ningún caso, suporá unha supresión das axudas.
Esta medida,
que xa foi comunicada por parte do Goberno galego á Federación Galega de Municipios
e Provincias (Fegamp), responde á necesidade de adecuar a tramitación destas
subvencións ao escenario da crise sanitaria, mantendo as achegas de anos
anteriores pero modificando as fórmulas de contratación e o obxecto das mesmas
para adecualas á situación dos beneficiarios.
Turismo de calidade e sustentable
A través
destas liñas de subvencións, a Xunta vén apoiando a actividade turística dos
concellos galegos e, particularmente, o turismo rural, unha tipoloxía que
recolle os valores do modelo galego, baseado na calidade e a sustentabilidade e
en aspectos como a natureza, a paisaxe ou o medio ambiente.
Precisamente,
o Plan de Reactivación do sector turístico aprobado recentemente polo Goberno galego contempla medidas de apoio a
esta actividade que se veñen a sumar as axudas para a contratación de persoal
nas oficinas de turismo, para as festas de interese ou á mellora de infraestruturas
turísticas. Entre esas medidas de apoio destaca o impulso aos xeodestinos como
axentes clave na promoción a escala supramunicipal e como polo de
desenvolvemento do sector nas súas áreas de implantación. A Xunta colaborará
coas entidades xestoras dos xeodestinos na creación de produtos e paquetes
turísticos co obxectivo de potenciar a recuperación do sector a nivel local e o
impulso do turismo rural.
No hay comentarios:
Publicar un comentario