As axudas permitirán ás entidades financiar, entre outros, gastos de persoal, de material ou reparación e conservación dos seus locais
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases das axudas ás Escolas de Música xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro da provincia, ás que destina unha dotación de 90.000 euros. O presidente provincial, Luis López, sinalou que para a concesión por concorrencia competitiva “teranse en conta o número de alumnos, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola e as especialidades impartidas”.
Con estas achegas, a institución provincial apoia a difusión da cultura e o fomento da música desde estas escolas, dinamizadoras culturais que constitúen para o alumnado en xeral e, en especial para o de idades temperás, o seu primeiro contacto con profesionais do eido educativo musical. As asociacións transmiten desde estas escolas coñecementos e valores culturais, fomentan a práctica da música como afección ou maior dedicación e supoñen un elemento dinamizador na contorna social na que se sitúan.
Como explicou o presidente Luis López, estas achegas permitirán aos colectivos financiar gastos de persoal e de material de oficina, subministracións, a reparación e conservación dos seus locais, a reparación de instrumentos, as primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e tamén gastos de prevención de riscos ou recoñecemento médico.
O prazo para a presentación de solicitudes comezará trala publicación da convocatoria e rematará o 29 de setembro. As peticións deberán presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario