― En concreto, hai achegas para fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, para consolidar as distintas entidades deste eido económico e para a creación de cooperativas e sociedades laborais
― O Goberno autonómico está a perfilar a II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se estima crear 3.500 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades
A Xunta lembra que se poden solicitar ata o próximo 15 de setembro tres liñas de axuda destinadas a impulsar a economía social en Galicia, por un importe total próximo aos 10 millóns de euros. En concreto, achegas para fomentar o emprendemento e o emprego na economía social (4,3 M€), para a consolidación das entidades da economía social (máis de 2,7 M€) e para a creación de cooperativas e sociedades laborais a partir de empresas sen remuda xeracional (máis de 2,3 M€).
Por unha banda, aínda se poden solicitar as axudas, que cun investimento de 4,3 millóns de euros de orzamento, están dirixidas a fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, impulsar o autoemprego neste ámbito e fixar man de obra produtiva no territorio.
O programa conta con dúas liñas compatibles entre si: unha primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e unha segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou cun contrato indefinido a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia. Mediante esta liña prevese beneficiar 136 entidades e incorporar 283 persoas socias.
En segundo lugar, tamén permanece aberta a convocatoria -dotada con 2.730.000 euros- para apoiar a consolidación das entidades da economía social e reforzar a súa presencia no tecido económico de Galicia.
As axudas prestarán atención especial á transformación dixital e á sustentabilidade, con achegas máximas por entidade que poden acadar os 30.000 euros para, entre outras actuacións, financiar investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de márketing ou imaxe corporativa. E, como novidade este ano, inclúense entre os conceptos susceptibles de financiamento os elementos de transporte e a formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (RETA).
Por último, o Goberno autonómico destina 2.370.000 euros á creación de cooperativas e sociedades laborais a partir de empresas sen remuda xeracional, da unión de persoas traballadoras autónomas, da transformación de calquera tipo de sociedade ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras da mesma.
A través das achegas -que poden ser de ata 74.000 euros- a Xunta farase cargo de ata o 90% dos custos nos que incorran estas entidades no eido do asesoramento legal, rexistro, notarías e informes; para desenvolvemento da imaxe corporativa; obtención de certificacións de calidade; márketing, comunicación ou relanzamento comercial; ou protección de datos. Os apoios abranguen os gastos realizados entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023 en equipamento informático e outros, desenvolvemento web, melloras na eficacia enerxética, reformas e mobiliario dos locais e elementos de transporte.
Estratexia da Economía Social
O Goberno galego está a perfilar a II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se estima crear 3.500 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades.
A nova estratexia apoiará o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable e promoverá, entre outras medidas, a presenza feminina e moza na economía social. O documento, que se desenvolve de xeito transversal cos distintos departamentos autonómicos, quere mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades na economía social, para enfrontar os retos do novo contexto socioeconómico e para consolidar o seu crecemento continuo en Galicia.
No cumprimento das súas finalidades, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade avogará pola creación, no marco da estratexia, de aceleradoras de emprendemento na economía social, pola cooperación transfronteiriza das persoas emprendedoras e pola consolidación dun espazo de innovación deste modelo, entre outras medidas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario