O centro dependente da Deputación advirte tamén da aparición masiva de acios afectados por golpe de calor
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar o último aviso fitosanitario previo á vendima no que, en liñas xerais, alude ao bo estado xeral das viñas, aínda que recomenda manter a vixilancia ante a botrite e advirte tamén da aparición masiva de acios afectados por golpe de calor.
No que atinxe á botrite, persoal da EFA lembra que aínda que esta semana non se detectaron novos síntomas da presenza desta enfermidade, antes da vendima poderán xurdir novos acios danados, en especial se hai humidade, polo que non hai que descoidar a vixilancia nin os labores culturais que favorezan a aireación dos acios. Areeiro sinala que no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura existen funxicidas sen prazo de seguridade, ou con prazos curtos ou moi curtos, que aínda poden ser utilizados en caso de condicións favorables, pero que é imprescindible respectar os prazos recollidos nas etiquetas.
Areeiro sinala tamén no seu aviso que a calor destes días supuxo un estrés para as plantas, o que incrementou o número das que manifestan síntomas de alteracións da madeira e supuxo que haxa plantas pequenas con síntomas de seca. Ademais, as temperaturas máis elevadas e a luz solar intensa destes días provocaron a aparición masiva de uvas con golpes de calor ou de sol que poden ser confundidos con botrite, pero que na maioría de casos non o é. As uvas afectadas presentan unha cor semellante á que adquiren cando hai podres e, co tempo, estas uvas iranse deshidratando. En xeral, estes síntomas afectan á cara dos acios sobre a que incide directamente a luz solar, e as condicións de seca ou os esfollados excesivos e mal executados están tamén na orixe do fenómeno.
Por outra banda, respecto ao mildio, a EFA destaca que non se atoparon novos síntomas en follas nin acios rebuscos, que son os que a estas alturas da campaña poderían ter algunha sintomatoloxía. Tendo en conta as condicións meteorolóxicas para os vindeiros días, con posibilidade dalgunhas choivas débiles e a posterior mellora do tempo, o persoal da Estación indica que poden aparecer novas manchas ata a vendima debido ás posibles choivas débiles destes días, pero xa sen incidencia na maduración pola frondosidade que teñen en xeral as viñas.
Despois da vendima, e en especial naquelas viñas onde quede un elevado nivel de inóculo por ter sufrido este ano un ataque forte na floración, continuará o avance da enfermidade na vexetación sempre que haxa condicións climatolóxicas favorables. Nestes casos, antes da caída da folla será conveniente un tratamento cúprico para garantir o bo agostado da madeira e limitar a incidencia da enfermidade na seguinte campaña.
En canto á avelaíña da uva, non se detectaron máis danos nos acios nas viñas da rede de seguimento, pero a situación pode ser diferente noutras viñas, polo que a EFA recomenda manter a vixilancia ata a vendima debido á influencia que poden ter as perforacións das eirugas sobre as podres. En principio, estímase que non será preciso dar tratamento algún pola relativa proximidade da vendima, pero se nas revisións se atopan danos por riba do 3-5% de acios afectados nas variedades máis sensibles ou de 5-8% nas restantes, será conveniente realizal0 elixindo insecticidas con prazo de seguridade curto, que en todo caso debe ser respectado.
Por último, no caso dos cicadelidos, Areeiro advirte que seguen a ser recollidos nas trampas o ‘Scaphoideus titanus’, e lembra que controlalo é unha das poucas formas existentes para conter a grave enfermidade de corentena que transmite: a flavescencia dourada. No que se refire ás capturas de mosquito verde nas trampas instaladas nas viñas da rede de seguimento, estas foron baixas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario