A Xunta de Goberno aprobou unha ampliación do prazo de execución das obras do novo recinto, que mobilizan máis de 4 millóns de euros coa recuperación da xunqueira de Alba
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, deu conta dos avances no proxecto de traslado do Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra ao polígono de Barro. Domínguez sinalou que a Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar unha ampliación do prazo de execución dos traballos, que permitirán paralelamente a recuperación ambiental da xunqueira de Alba e suporán unha mobilización global de 4,4 millóns de euros.
Deste xeito, tal como sinalou o vicepresidente, “o prazo para o traslado do Parque de Maquinaria a Barro amplíase dous meses, do 28 de agosto ao 27 de outubro”, a petición da empresa pública Tragsa, encargada da execución. A ampliación deriva dunha acumulación de incidencias, entre as que se atopan, informou Domínguez, “as continuas subas de prezos dos derivados do petróleo, que deixaron deserto o expediente para a contratación da execución da capa de firme”. Así mesmo, “non dispoñer de enerxía definitiva na obra condicionou a súa posta en funcionamento e comprobación na data prevista”. Ademais, “estanse redactando os proxectos de legalización de todas as instalacións e adecuándoos á realidade da obra” e, por último, “a folga do metal, que afectou a todas as obras de todas as administracións, retrasou as subministracións de materiais”.
Na actualidade, os traballos do novo Parque de Maquinaria, que ocupará unha extensión de 8.800 m2, “están moi avanzados, coa construción dos edificios finalizada. A parte de maior envergadura que queda por rematar é a da urbanización das rúas interiores do novo recinto”, asegurou o vicepresidente provincial.
Rafa Domínguez tamén informou da situación actual na xunqueira de Alba, onde “xa se demoleron por completo o Parque de Maquinaria e a Imprenta provincial e estase a levar a cabo a restauración ambiental”. Finalmente, sinalou que a previsión actual da Deputación é que as obras de recuperación rematen en outubro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario