O ciclo de teatro da Deputación chega este venres a Barro e Vilaboa - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 21 de diciembre de 2023

O ciclo de teatro da Deputación chega este venres a Barro e Vilaboa

 


O Pazo da Crega (Barro) acollerá a función “Camiño de historias”, de Migallas Teatro, e a Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa) “Molto Barroco”, de Píscore Teatro. Ambas pezas terán lugar ás 20:00 horas e a entrada será libre ata completar o aforo

 

 O ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano, chega este venres 22 de decembro a Barro e Vilaboa con dúas representacións con entrada libre ata completar o aforo. O Pazo da Crega, en Barro, acollerá a partir das 20:00 horas a función “Camiño de historias”, de Migallas Teatro, e á mesma hora a Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa) será o escenario de “Molto Barroco”, de Píscore Teatro.

 

“Camiño de historias”, dirixido ao público infantil e familiar, está constituído por tres historias da tradición oral que proceden de diferentes países de fala portuguesa e que abordan, de forma amena e divertida, cuestións relacionadas coa interculturalidade e os dereitos humanos.  En cada unha das historias, o público ten que atopar unha palabra que é a esencia da historia e que, coas outras dúas, constitúe a “fórmula” para que as persoas sexan felices.

 

Pola súa banda “Molto Barroco”, tamén dirixida ao público familiar, trátase dun percorrido pola música barroca acompañado de escenas cómicas. Está ambientada nunha Corte real europea de mediados do século XVIII, habitada polo rei, a raíña, o bufón e un compositor que se reúne, nunha pequena estancia xunto con tres dos seus músicos, para sacar adiante os encargos musicais do monarca.

 

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais deste mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario