A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
O presidente Luis
López explicou que este plan, do que se poderán beneficiar 59 concellos da
provincia, reafirma a aposta estratéxica do goberno polo deporte e o
municipalism
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López detallou o contido das bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con catro millóns de euros, que se aprobou este venres na Xunta de Goberno. Trátase dun programa de apoio aos concellos pensado para a construción de novas instalacións deportivas, a mellora das existentes, a adquisición de terreos para uso deportivo ou a compra de equipamentos ou material. “Hoxe presentamos as bases dun plan que fala da aposta estratéxica deste goberno polo deporte, polas súas instalacións e polo fomento de hábitos de vida saudable; un plan que reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia; e un plan que deixa claro o carácter municipalista deste goberno, que dota de recursos aos concellos”, argumentou o mandatario provincial antes de debullar os requisitos deste plan extraordinario.
As bases “rexidas pola transparencia e igualdade” abren a porta a beneficiarse deste programa aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Deste plan quedan excluídas as cidades, Vigo e Pontevedra, que se rexen por convenios específicos e o procedemento de participación será por concorrencia non competitiva. O reparto de fondos estará rexido por dous criterios. Por un lado, haberá unha porcentaxe fixa dotada con 1,2 millóns de euros que se repartirá entre todos os beneficiarios. Por outro lado, unha parte variable dotada con 2,8 millóns de euros que se repartirá en función da poboación de cada concello solicitante. Os beneficiarios deste plan deberán presentar proxectos de orzamentos superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros.
Catro liñas de actuación
Deste xeito, o plan queda estruturado en catro liñas de actuación e os concellos poderán aspirar á que máis se adapte o seu proxecto. O primeiro punto está relacionado coa construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; o segundo céntrase na modernización, remodelación e mellora de instalacións deportivas; o terceiro destínase a dotación de equipamento ou material deportivo para este tipo de instalacións; mentres que o cuarto está pensado para a adquisición de terreos destinados a uso deportivo.
“Falamos dunha tripla inxección: económica e de emprego, deportiva e municipalista. Iso é que conseguimos con este Plan de Infraestruturas Deportivas de 4 millóns de euros, un dos primeiros programas que anunciamos como goberno”, afirmou o presidente da Deputación.
Tres meses para presentar solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes para as subvencións é de tres meses
desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de
abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os
Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía
do organismo provincial se vexa reducida. Esta é outra das novidades que introduciu
o goberno provincial ás poucas semanas de tomar posesión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario