O programa permitirá que Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa destinen recursos a construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos
Pontevedra, 26 de decembro de 2023. A Deputación de Pontevedra destinará preto de 785.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas a Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa. Con este novo programa estes concellos, cuxa poboación conxunta ascende a preto de 88.000 habitantes, poderán destinar recursos a construír e mellorar instalacións deportivas, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar equipamentos ou material.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende a 4 millóns de euros aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. As bases do plan, que veñen de ser publicadas o pasado 22 de decembro no Boletín Oficial da Provincia, establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos (1,2 millóns de euros) e noutra variable en función da poboación (2,8 millóns de euros). Deste xeito, o concello de Barro pode beneficiarse de máis de 38.000 €, Caldas de Reis de máis de 68.000€, Campo Lameiro de preto de 29.000€, Cerdedo-Cotobade de máis de 48.000€, Cuntis de preto de 43.000€, A Lama de 33.000€, Marín de 139.000€, Moraña de preto de 41.000€, Poio de máis de 105.000€, Ponte Caldelas de preto de 48.000€, Portas de máis de 34.000€, Sanxenxo de preto de 108.000€ e Vilaboa de 50.000€ para construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.
As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que os concellos terán tres meses dende a publicación da convocatoria para presentar os proxectos de orzamentos destas actuacións deportivas, que deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.
https://www.farodevigo.es/pontevedra/2023/12/26/trece-municipios-comarca-podran-recibir-96261469.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario