A DEPUTACIÓN DESTINA 450.000 EUROS A PROXECTOS DE ATENCIÓN ESPECIALIZADA E INTEGRACIÓN SOCIAL E LABORAL DOS COLECTIVOS MÁIS VULNERABLES - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 27 de diciembre de 2014

A DEPUTACIÓN DESTINA 450.000 EUROS A PROXECTOS DE ATENCIÓN ESPECIALIZADA E INTEGRACIÓN SOCIAL E LABORAL DOS COLECTIVOS MÁIS VULNERABLES




As entidades sen ánimo de lucro poderán recibir axudas de ata 6.000 € para proxectos de intervención e de ata 1.000 € para gasto corrente
·        Unha vez que se publiquen no BOP, as entidades terán ata o 2 de febreiro para presentar as súas solicitudes
A Deputación de Pontevedra publicará nos próximos días as bases que regulan as axudas a entidades sen ánimo de lucro que traballan en proxectos e iniciativas de atención social especializada, ás que destinará unha liña de axudas de 450.000 euros.
As bases deste programa establecen que as entidades que traballen a prol dos colectivos máis vulnerables poderán beneficiarse de axudas de ata 6.000 euros para o financiamento das iniciativas que realicen para promover a integración destas persoas e favorecer o desenvolvemento normal da súa vida cotiá.
Así mesmo, tamén poderán solicitar achegas de ata 1.000 euros para cubrir gastos propios do funcionamento da entidade, entre os que se inclúen os gastos correntes. Esta axuda ten por obxecto facilitar o mantemento destas entidades que desempeñan unha gran labor social e de apoio a múltiples colectivos como infancia, adolescencia e xuventude; persoas maiores con dependencia ou risco social; persoas con discapacidade; con problemática social derivada de enfermidades mentais; familias en risco de exclusión social; vítimas de violencia de xénero; drogodepentes ou inmigrantes, entre outros moitos.
No que respecta aos proxectos e iniciativas que se poderán subvencionar inclúense actividades orientadas a promover o desenvolvemento integral (físico, mental, intelectual, sensorial e social) de diferentes colectivos; favorecer a integración social das persoas en risco de exclusión, proporcionándolle medios e recursos para que poidan desenvolver unha vida normalizada no seu contorno habitual; ou atender as necesidades básicas, como a adquisición de produtos de primeira necesidade, farmacéuticos e doutro tipo, así como servizos imprescindibles para o normal desenvolvemento da vida diaria, entre outras.
Unha vez publicadas as bases, as entidades sen ánimo de lucro interesadas en acollerse a esta liña de axudas disporán ata o 2 de febreiro para solicitalas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario