MÁIS DO 80% DAS 3.500 FAMILIAS ATENDIDAS NAS OFICINAS DE ASESORAMENTO SOBRE AFORRO ENERXÉTICO PAGABAN DE MÁIS NA SÚA FACTURA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 12 de diciembre de 2014

MÁIS DO 80% DAS 3.500 FAMILIAS ATENDIDAS NAS OFICINAS DE ASESORAMENTO SOBRE AFORRO ENERXÉTICO PAGABAN DE MÁIS NA SÚA FACTURA



A Deputación e a Unión de Consumidores activaron este servizo o 2 de setembro e, ante a elevada demanda, ampliouse ata o 30 de novembro
·       O aforro mínimo situouse nos 45 euros anuais, chegando a un máximo de 1.200 euros para unha das familias atendidas
·       De media, o asesoramento recibido nas oficinas da Deputación e UCGAL situouse nos 100 euros anuais para fogares sen calefacción eléctrica e en máis de 200 euros os que a posuían
Máis do 80% das 3.486 familias atendidas nas oficinas de asesoramento sobre aforro na factura eléctrica postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia estaban a pagar máis do que lles correspondería no seu recibo da luz.
Así se desprende do balance de funcionamento destas oficinas, abertas ao público o 2 de setembro e que pecharon as súas portas o pasado 28 de novembro.
Cambios como adaptar a potencia contratada á realmente consumida, optar por unha tarifa de discriminación horaria que moitos dos usuarios descoñecían ou a posibilidade de acollerse a axudas públicas, son algunhas das vías que se lle abriron aos asesorados destas oficinas, que poderán aforrar desde 45 euros anuais como mínimo ata os 1.200 euros ao ano que poderá aforrar unha familia que, por un mal asesoramento, tiña contratada unha potencia moito máis elevada da que precisaba.
En canto aos aforros medios, oscilou entre os 100 euros anuais de media en fogares sen calefacción eléctrica e entre 200 e 250 euros para os fogares con calefacción eléctrica.
Moitos destes aforros están vinculados aos modelos de tarifa, xa que para moitos fogares optar por unha tarifa de discriminación horaria reducirá notablemente a súa factura da luz.
Mercado libre ou regulado
Outro dos temas máis repetidos nas oficinas de asesoramento foi todo o relacionado co mercado libre e o mercado regulado, dado o gran descoñecemento xeral existente en torno ás diferenzas, vantaxes e inconvenientes de cada un deles.
Así, nas oficinas detectouse que unha media do 36% dos usuarios está no mercado libre e que, en moitos casos, este paso ao mercado libre se fixo sen consentimento ou con información enganosa.
Desta forma, foron moitas as familias atendidas que se interesaron polo procedemento para poder volver ao mercado regulado, para o que recibiron información detallada.
As axudas públicas, as tarifas de discriminación horaria, os novos contadores dixitais ou a potencia máis adecuada a cada fogar, foron outros dos temas abordados, aos que no mes de novembro se sumaron as consultas sobre o novo modelo de factura, que comezou a implantarse en outubro e que a moitos usuarios lles ocasionou dúbidas.
Tamén foron moitas as consultas sobre as cantidades cobradas de máis nos dous primeiros trimestres do ano e que as compañías deberían devolver (algo do que non se beneficiaron os usuarios do mercado libre).
A información detallada que se lle ofreceu a cada usuario, en base aos datos reais do seu fogar, e as claves para que cada un poida ler correctamente cada un dos apartados da súa factura deu lugar a unha satisfacción xeneralizada dos usuarios, máxime cando lle vai supoñer á inmensa maioría deles un aforro notable nos seus gastos mensuais.
Outras consultas
As oficinas estiveron abertas, ademais, a consultas sobre outros temas de preocupación dos cidadáns, polo que, aínda que a maioría dos usuarios acudiu en busca de asesoramento para aforrar na súa factura de electricidade, tamén se atenderon consultas sobre o recibo do gas, seguros ou telefonía, entre outras.
Malia que inicialmente o acordo entre a Deputación e a Unión de Consumidores establecía que as oficinas permanecesen abertas desde o 2 de setembro ata finais de outubro en Pontevedra, Vigo, A Estrada, Lalín, Cambados, Cangas, Ponteareas, Tui, Redondela e Vilagarcía, a elevada demanda animou ás dúas institucións a prorrogar o acordo e manter este servizo tamén durante o mes de novembro, prestando atención nas oficinas de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía (por ser as de maior demanda) e en Lalín, para atender a zona de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario