Abraldes(BNG): Compostaxe: "será unha das apostas que fagamos xa inmediatamente", sendo dos primeiros concellos en "ofertar cousas concretas". - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 17 de septiembre de 2015

Abraldes(BNG): Compostaxe: "será unha das apostas que fagamos xa inmediatamente", sendo dos primeiros concellos en "ofertar cousas concretas".


Os alcaldes da comarca, dispostos a sumarse ao plan de compostaxe da Deputación
Para César Mosquera, a guerra política do lixo "xa é historia".  Tras concluír a rolda de xuntanzas cos alcaldes pontevedreses para presentar os planes da Deputación con respecto á compostaxe, o vicepresidente provincial celebrou a "concienciación e o consenso" que notou nos responsables municipais sobre esta cuestión e avanzou que, neste sentido, o proceso iniciado para apostar por este método de xestión do lixo na provincia "é irreversible".
O último destes encontros iniciais realizouse este mércores no Casal de Ferreirós (Poio) e a el acudiron os concellos de Pontevedra, Barro, Campo Lameiro, Poio, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas e Forcarei. Neles, Mosquera notou un maior coñecemento do asunto que noutras comarcas, algo que é debido, dixo, a toda a información que xerou a planta da Canicouva. "Hai un grande coñecemento do tema e sábese que é preciso buscar unha solución", afirmou.
O máis decidido parece o alcalde de Barro. Xosé Manuel Fernández Abraldes afirmou que a compostaxe é unha opción de futuro "boa" para os concellos. Servirá, dixo, para facer un aproveitamento sustentable dos residuos, pero tamén "máis rendible". De feito, afirmou que "a nós interésanos moito" e que coa colaboración dos veciños "será unha das apostas que fagamos xa inmediatamente", sendo dos primeiros concellos en "ofertar cousas concretas".
Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz asegurou que as sensacións "son boas", pero recoñeceu que fai falta "ir concretando cousas" e que lles dean aos concellos máis información. Sinalou que o novo modelo da Deputación con microplantas e composteiros domésticos "é máis factible". Iso si, afirmou que no seu concello "hai pouca educación de reciclaxe" polo que calquera cambio "ten que ir pouco a pouco".
E "expectante e con esceptismo" mostrouse o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, ao remate do encontro, especialmente pola dispersión poboacional do seu municipio que podería dificultar implantar este modelo de xestión do lixo. En todo caso, avanzou que reclamará que "supoña un aforro para os concellos, que sexa unha nova forma de entender a recollida do lixo coa colaboración veciñal e como vai a ser a forma de financiación do servizo".
PLANS DA DEPUTACIÓN
César Mosquera desvelou que a Deputación traballa co obxectivo de que a provincia conte con 800 instalacións de composteiros comunais ao final deste mandato. A intención é ir implantando de xeito gradual a compostaxe como tratamento do lixo para obter beneficios medioambientais e económicos, reducindo os custes que pagan os concellos para desfacerse dos residuos que xeran.
O goberno provincial aposta por iniciar o camiño da compostaxe con pequenos composteiros comunitarios aos que leven o seu lixo orgánico grupos de entre 80 e 300 veciños de barrios ou parroquias de zonas rurais ou urbanas da provincia, sempre cunha grande implicación tanto dos concellos como dos cidadáns.
Neste sentido, o vicepresidente indicou que os gobernos locais deben poñer en funcionamento só aqueles composteiros que saiban que van funcionar e para iso "hai que buscar a implicación de asociacións de veciños, mancomunidades de montes ou colectivos que estean concienciados da importancia do proxecto e garantan que o sistema pode funcionar".
A creación de plantas de compostaxe de medio ou grande tamaño entrarían nunha seguinte fase "só se son necesarias", afirmou Mosquera. O horizonte ao que se pretende chegar coa proposta dos composteiros comunitarios alcanzaría un máximo de 240.000 persoas en toda a provincia nos vindeiros catro anos.
http://pontevedraviva.com/xeral/22652/alcaldes-comarca-dispostos-sumarse-plan-compostaxe-deputacion/

No hay comentarios:

Publicar un comentario