A DEPUTACIÓN PON A PUNTO AS ESTRADAS PROVINCIAIS PARA GARANTIR A SEGURANZA VIARIA DOS CAMIÑANTES QUE VAN AOS MILAGRES DE AMIL - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 2 de septiembre de 2015

A DEPUTACIÓN PON A PUNTO AS ESTRADAS PROVINCIAIS PARA GARANTIR A SEGURANZA VIARIA DOS CAMIÑANTES QUE VAN AOS MILAGRES DE AMIL


A Deputación de Pontevedra xa ten a punto as dúas estradas provinciais que van cara o santuario dos Milagres de Amil en Moraña: a EP-0503 entre Mane e Rebón (no termo municipal de Barro) e a EP- 0018 entre Xeve-Amil-Espedregueira, nos municipios de Pontevedra e Moraña.  O obxectivo é garantir a seguranza viaria dos camiñantes que van á romaría a pé, limpando e ampliando as cunetas, e tamén facilitar o tránsito de vehículos, arranxando as pequenas deficiencias da calzada.
Os traballos requiriron da actuación dun equipo de cortamalezas e dúas brigadas provinciais durante dúas semanas o pasado mes de agosto. O cortamalezas de grandes dimensións traballou tres días (7, 10 e 17 de agosto) nuns 2,6 quilómetros da estrada entre Mane-Rebón e outras nove xornadas (11, 12, 13, 18, 19, 20, 21, 24 e 25) ao longo da vía provincial entre Xeve-Amil-Espedregueira.
Logo chegou a quenda das dúas brigadas provinciais. A primeira actuou  tanto na EP-0503 (Barro) como no tramo entre Espedregueira e As Brañas da EP-0018. Os operarios repasaron o traballo do cortamalezas facendo unha roza a man baixo biondas e sinais, limpando as beiravías, retirando a broza das cunetas e nivelando e ampliando algunhas zonas de pouca accesibilidade. Para iso utilizaron o equipo de maquinaria habitual, que consta dunha niveladora, unha pala mixta e un camión.  Na calzada foron precisos traballos de asfaltado, polo que tamén se levou un camión con material.
A segunda brigada traballou na EP-0018 entre As Brañas e Couso (Xeve). Durante dous días estivo reparando fochancas e outros sete facendo labores de limpeza e roza logo de pasar a máquina cortamalezas.  Tamén se repuxeron sinais verticais e realizáronse outras reparacións en varias estradas provinciais da contorna.
As actuacións de roza e mellora das vías planifícanse periodicamente segundo as necesidades e situación de cada zona da rede provincial establecendo quendas polos diferentes concellos. Sempre se programa un acondicionamento específico das vías en función do calendario de celebracións festivas de cada ano (que reúnen gran cantidade de poboación), co fin de extremar a seguranza viaria e evitar situacións de perigo tanto para os viandantes como para os condutores. 
No caso dos Milagres de Amil, a novena comeza este ano o día 4 e a festa propia no santuario é o 13 de setembro. Durante os días intermedios a afluencia de camiñantes cara a Moraña é constante, polo que era preciso unha posta a punto das vías.

No hay comentarios:

Publicar un comentario