Participa Barro no proxecto da Xunta. A Consellería de Cultura e Educación incorpora ao Plan de mellora de bibliotecas escolares un total de 31 centros educativos - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 9 de septiembre de 2015

Participa Barro no proxecto da Xunta. A Consellería de Cultura e Educación incorpora ao Plan de mellora de bibliotecas escolares un total de 31 centros educativos


  • Deste xeito son xa 575 os colexios e institutos que participan deste programa da Xunta, cuxa calidade ten sido recoñecida a nivel estatal
  • O orzamento destinado a esta iniciativa no curso 2015/2016 ascende a 840.000 euro
  • Está aberta ademais a convocatoria de clubs de lectura para centros de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de incorporar a 31 centros de ensino ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Así queda reflectido na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, que pode consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150909/AnuncioG0164-010915-0007_gl.html, pola que se resolve a convocatoria para o curso 2015/2016 e na que se desglosan as cantidades que cada centro percibirá para o desenvolvemento deste programa. En total o orzamento destinado pola Consellería a esta iniciativa, cuxa calidade ten sido recoñecida a nivel estatal, ascende a 840.000 euros.
Do total dos 575 centros que formarán parte do PLAMBE no curso 2015/2016, 304 son CEIP, 44 CPI, e 177 IES, ademais doutros centros de distinta tipoloxía. Deste xeito, o Plan chegará ao 45% da totalidade dos centros de infantil e primaria e ao 68% dos centros que matriculan alumnado de ensinanza secundaria, cun alcance total estimado de 165.000 alumnas e alumnos.
Ao longo da década que leva en funcionamento o Plan de Mellora ten contribuído de forma moi significativa á transformación das bibliotecas escolares cunha renovación importante dos equipamentos das bibliotecas e cunha sinalada actualización das coleccións de documentos: Este programa contribuíu, así mesmo, a modificar a concepción que se ten deste espazo educativo, que funciona agora como un centro de recursos interdisciplinar de apoio ás aprendizaxes e constitúe unha ferramenta fundamental para a alfabetización múltiple do alumnado.
Clubs de lectura
Cómpre sinalar, así mesmo, que a Consellería ten aberto o prazo de inscrición para a creación de clubs de lectura en centros educativos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, ou en centros de ensinanzas de réxime especial. Para impulsar esta actividade a Consellería destinará un orzamento de 200.00 euros, a repartir entre os centros cuxa solicitude sexa aprobada. No curso 2014/2015 funcionaron nos centros do sistema educativo galego un total de 228 clubs.
O obxectivo desta convocatoria de axudas é apoiar a creación de clubs de lectura nos centros educativos como grupos de dinamización en prol do hábito lector que favorecen a incorporación á lectura da mocidade máis reticente. As contías que reciban os centros dedicaranse, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar.
Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas a Consellería prestará especial atención a aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que procuren contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa nosa lingua e literatura propias. Así mesmo, no caso dos centros que xa desenvolveran este proxecto, valorarase a cualificación acadada polo centro na memoria do ano anterior.
Espazo integrador da comunidade educativa
Cabe salientar que os clubs de lectura funcionan como un espazo integrador e de encontro no que alumnado, nais, pais e outros membros da comunidade educativa poden intercambiar opinións e experiencias lectoras arredor dun libro e, polo tanto, unha clara oportunidade para impulsar este hábito entre persoas que de outro xeito non se achegaría a cotío a unha biblioteca, así como un entorno ideal para promover a convivencia harmoniosa no seo da comunidade educativa. Asemade, os clubs están a ser en moitos casos unha oportunidade para descubrir os novos soportes para a lectura dixital, espazos para a experimentación con dispositivos electrónicos e formatos como os booktrailers, os blogues e as redes sociais.
O éxito desta actividade de dinamización da lectura tense demostrado na alta participación dos centros nesta convocatoria, así como por parte dos participantes nas Xornada dos Clubs de lectura, unha xuntanza anual que se vén organizando para fomentar a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias arredor desta actividade. Ademais, ao abeiro destes clubs creouse un premio co obxectivo de recoñecer á escritora ou escritor galego máis lido nestes espazos no pasado curso, en sinal de agradecemento á súa contribución e axuda na consecución de lectores en galego.
Instrucións para o funcionamento da biblioteca escolar
Constatado o éxito das diferentes actuacións desenvolvidas ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) así como os resultados do PLAMBE nas súas dez convocatorias consecutivas, a Consellería de Cultura e Educación continúa o seu labor de impulso e apoio a estes importantes instrumentos ao servizo da calidade do ensino e a innovación educativa. Nesta liña de acción, acaban de publicarse unhas instrucións para a organización e funcionamento das bibliotecas escolares, que teñen como obxectivo garantir o mantemento do nivel de excelencia acadado por unha boa parte dos centros integrados no Plan de mellora e favorecer a extensión deste novo modelo de biblioteca a todos os centros de ensino públicos deste modelo, que facilita a consecución de logros a nivel académico e que beneficia ao conxunto da comunidade educativa.
Entre outras indicacións, as instrucións determinan que o centro deberá establecer unha partida específica para o mantemento da biblioteca dentro dos seus orzamentos xerais, así como crear un equipo de apoio á biblioteca –a maiores do responsable da mesma- formado por profesorado de diferentes etapas ou departamentos, co fin de garantir o seu carácter interdisciplinar.
Neste sentido, recoméndase tamén que o equipo da biblioteca se coordine co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), os docentes responsables das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), o Departamento de Orientación, o Equipo de Actividades complementarias ou do programa Abalar na programación das actividades, co fin de acadar unha acción imbricada para a consecución dos obxectivos de mellora da calidade do ensino e para favorecer as competencias clave que toda a normativa curricular contempla para os distintas etapas educativas.
Estas recomendacións están xa a disposición de toda a comunidade escolar no Portal Educativo desta consellería e na páxina específica do programa de Bibliotecas Escolares de Galicia, http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/ .


No hay comentarios:

Publicar un comentario