A
aprobación dunha ordenanza municipal sobre o uso da lingua, a planificación e
estabilidade dos programas, a transversalidade das iniciativas, e un mínimo de
recursos propios, serán requisitos obrigatorios para optar a estas axudas
A Xunta
do Goberno provincial vén de aprobar, na súa última sesión, as bases da
convocatoria de axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos concellos
e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. Mediante esta liña, a
Deputación ofrece dúas opcións para que os concellos, agrupación de concellos
ou entidades locais menores poidan elixir entre a ‘creación ou mantemento do
servizo de normalización lingüística’, ou a ‘promoción e desenvolvemento de
programas de dinamización do galego’. A Deputación achegará un 75% do orzamento
de gastos do servizo de normalización lingüística, ata un máximo de 15.000
euros; mentres que para programas de dinamización do uso do galego achegará ata
o 75% dos gastos de ditos programas, ata un máximo de 8.000 euros. Estas
axudas, que foran convocadas por primeira vez polo actual goberno provincial no
ano 2016, dobran o orzamento destinado na primeira convocatoria, acadando para
o ano 2018 un total de 300.000 euros.
Entre
as principais novidades introducidas destaca a aposta pola creación e
mantemento dos Servizos de Normalización Lingüística, opción para a que se
incrementa a axuda a percibir polos concellos con respecto a anos anteriores.
Mediante esta opción, os concellos poderán contratar o persoal técnico preciso
para desenvolver a actividade propia dun servizo lingüístico, para o cal as
bases estipulan as seguintes titulacións: grao en Lingua e Literatura Galegas,
grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos
e Literarios, as licenciaturas equivalentes a eses graos ou outras titulacións
superiores pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e
Sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel
5 (Celga 5).
No
apartado de ‘promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do
galego’, a principal novidade será a obrigatoriedade de aprobar unha ordenanza
municipal sobre o uso da lingua. A este respecto, as bases indican que esta ‘ordenanza
ou regulamento de uso da lingua galega no concello debe ser aprobada polo pleno
da corporación, ou ter o compromiso da súa aprobación durante o ano 2018’. Tamén
se esixe que nas solicitudes para ‘promoción de programas de dinamización’ se
achegue unha memoria de todas as actuacións e accións transversais de cada unha das áreas de
goberno (a maiores da propia proposta subvencionable). En canto á proposta
subvencionable, a solicitude debe incluír ao menos en tres eidos dos sete que
mencionan as bases: ensino, comercio e industria, tecnoloxías da información,
turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social e
igualdade. Por último, entre as novidades tamén se inclúe que as propostas
subvencionables deben ter un orzamento non inferior a 3.000 euros.
O prazo
de solicitude destas axudas comezará ao día seguinte da publicación do extracto
desta convocatoria no BOPPO e rematará o 16 de marzo de 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario