A conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o director do
Instituto Galego da Vivenda e Solo presentaron hoxe en rolda de prensa as liñas
de fomento da recuperación do patrimonio construído, ás que se destinarán case
40 millóns de euros en 2018
§ A titular de
Vivenda sinala que xa están dispoñibles os préstamos bonificados para
rehabilitación, que cobren ata o 100% dos xuros, as axudas para actuar nos Camiños de
Santiago, as subvencións para recuperar infravivendas e as que permiten
recuperar antigas casas de mestres
§ Lembra que está
aberto o proceso de adquisición de edificios para a súa rehabilitación nos
cascos históricos de Ferrol Vello, A Tinería de Lugo, Betanzos e Ourense,
mediante un investimento total de 13 millóns por parte da Xunta
§ Avanza que o
vindeiro mes de marzo publicarase unha nova convocatoria de axudas para a
instalación de novos ascensores, cun orzamento que se incrementa ata os 2,5
millóns de euros
§ Destaca que os
concellos de máis de 50.000 habitantes terán este mes á súa disposición o Fondo
de Cooperación con 7,6 millóns de euros en préstamos para actuacións de
rehabilitación
§ Subliña que
todas as liñas de axuda, agás as de ascensores, permiten financiar actuacións
para reducir os niveis de radón
A
conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que xa
está aberto o prazo para que os galegos soliciten axudas á rehabilitación de
vivendas por importe de máis de 7 millóns de euros. Así o dixo durante a rolda
de prensa na que, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
Heriberto García, presentou as liñas de fomento da recuperación do patrimonio
construído, ás que o Goberno galego destinará neste ano case 40 millóns de
euros.
A conselleira detallou que
xa están convocadas 4 ordes de axudas, como a de préstamos subsidiados pola cal
os cidadáns poden acceder a créditos para financiar obras de rehabilitación cos
xuros subvencionados ata nun 100% pola Xunta de Galicia. Esas axudas,
convocadas esta mesma semana, pódense solicitar ata o 15 de outubro.
Tamén está aberto o prazo de presentación de solicitudes
de axudas na Área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, que
comprende preto de 500 parroquias de 107 concellos galegos emprazados nas sete
rutas oficialmente declaradas e delimitadas. O importe da convocatoria de 2018
é de case 3 M€.
Así mesmo, pódese acceder xa ás axudas para
rehabilitación os propietarios de infravivenda emprazadas en concellos de menos
de 20.000 habitantes, para dotalas dunhas condicións de habitabilidade. A axuda
para infravivenda é do 95 % por cento do custe da rehabilitación, cun límite
máximo de 15.000 euros por vivenda.
Ademais, están en marcha as axudas destinadas á
rehabilitación das antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais
edificios e vivendas de titularidade municipal, co obxectivo de obter vivendas
destinadas ao alugueiro por familias de ingresos limitados.
Esta liña de axudas a concellos creouse en 2017 e grazas
a elas xa están traballando na rehabilitación de antigas vivendas nos concellos
de Santiso, Rianxo, Trabada, A Peroxa, Cualedro e Mos. O orzamento da
convocatoria de 2017 esgotouse integramente, polo que este ano se incrementou
nun 50 por cento e hai case 1 millón de euros para este fin.
Máis axudas á instalación de
novos ascensores
Ethel Vázquez tamén se referiu ás axudas que se
convocarán proximamente, como as de
instalacións de ascensores, salva escaleiras e outros dispositivos de
accesibilidade alí onde non existían. Esta liña de axudas naceu cunha dotación
orzamentaria de 1,3 M€ que se esgotaron, polo que a convocatoria de 2018
incrementase e será de 2,5 millóns, o que supón un case duplicar o seu importe.
Esta convocatoria está previsto que se publique no Diario Oficial de Galicia no
próximo mes de marzo.
Ademais, os concellos de menos de 50.000 habitantes terán
á súa disposición este mes un fondo de cooperación de 7,6 M€. A través del, os organismos municipais poden
acceder a préstamos sen xuros destinados á adquisición ou rehabilitación de
inmobles. Os concellos beneficiarios dispoñen dun prazo de ata oito anos para a
devolución dos préstamos recibidos, pasando os importes devoltos a formar parte
de novo do fondo de cooperación.
Na primeira convocatoria do fondo, en 2017, concedéronse
préstamos por importe de máis de 2,4 M€, o que supón un alto interese dos
concellos por este tipo de axudas, e aínda temos outros 7,6 millóns
dispoñibles.
Como tódolos anos, tamén se convocarán as axudas
destinadas ás áreas de rehabilitación integral (ARI) que, inda que sexan
xestionadas polos concellos que asinen convenio coa Xunta, van fundamentalmente
destinadas ao propietarios de vivendas e comunidades de propietarios. Os fondos
destinados á ARI en 2018 roldarán os 8 M€, que se distribuirán entre os
concellos que os soliciten e os propietarios das ARI.
Tamén se activarán 1,25 M€ en axudas ás comunidades de
vivendas de promoción pública adxudicadas polo IGVS en réxime de compravenda e
se está a traballar nas convocatorias das axudas de rehabilitación rural e en
conxuntos históricos, que este ano terán unha nova regulación.
A conselleira de Infraestruturas referiuse tamén ao
mantemento do propio parque público de inmobles en alugueiro, uns 3.500 nos que
se realizan continuos traballos de
reparación e mellora. E, ao mesmo tempo, estase a executar un programa de eficiencia
enerxética das vivendas de promoción pública, cofinanciado con fondos Feder,
mellorando illamentos e instalacións.
En total, indicou que o Instituto Galego da Vivenda e
Solo destinará 4,3 millóns de euros á rehabilitación de vivendas de promoción
pública en 2018.
En relación coa recente entrada en vigor da nova normativa comunitaria,
a conselleira subliñou que todas as
liñas de axuda, agás as de ascensores, permiten financiar actuacións para
reducir os niveis de radón.
Programa Rexurbe
En relación co programa Rexurbe, Ethel Vázquez destacou
que supón un gran esforzo a través do cal a Xunta puxo en marcha un proceso de
adquisición de edificios en conxuntos históricos para a súa posterior
rehabilitación con destino a vivendas e locais comerciais.
Ata o 22 de abril
os propietarios de vivendas nos cascos históricos de Ferrol Vello, A Tinería de
Lugo, Betanzos e Ourense poden presentar as súas ofertas de venda á Xunta, que
en total destinará á súa recuperación 13 millóns de euros.
Ese investimento sumarase ao que xa está en marcha para a
recuperación dos edificios que xa son da súa propiedade en Ferrol, Betanzos,
Ourense, na Tinería, en Mondoñedo e en Vigo, a través do Consorcio Casco Vello.
Así mesmo, reseñou o traballo que se está a levar a cabo
en materia de axudas a propietarios e comunidades de propietarios, que buscan
facilitar que estas entidades, ademais dos concellos, procedan á mellora dos
edificios e do seu contorno. O pasado ano 2017, outorgáronse máis de 19 millóns
de euros a subvencións para rehabilitación que induciron investimentos en
materia de rehabilitación por máis de millóns e que permitiron mellorar as
condicións de vivenda de máis de 5.000 familias.
Finalmente, lembrou que, este ano, a Xunta de Galicia
está poñendo a disposición preto de 30 M€ en axudas para a rehabilitación e que
se abriron a principios do ano para maior facilidade dos beneficiarios, xa que
ó remate do primeiro trimestre do ano xa se poderán solicitar o 90% das
subvencións.
Vázquez Mourelle asegurou que a rehabilitación das
vivendas e edificios de uso residencial constitúe unha preocupación fundamental
para o Goberno galego dentro das políticas públicas en materia de vivenda, un
esforzo que se centra na recuperación dos barrios históricos das vilas e
cidades galegas así como en dinamizar vivendas no medio rural.
Trátase, dixo, “dunha solución eficiente, sustentable e
de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación e de
minorar os impactos no medio”, que, ademais, favorece a creación de emprego, ao
ser o proxecto público que máis emprego mobiliza por cada euro investido.
Ethel
Vázquez destacou a Lei de Rehabilitación e Rexeneración Urbana de Galicia, que, neste
momento, está en fase de contestación das alegacións e que chegará ao
Parlamento de Galicia este ano. Esta norma, resaltou, facilitará a execución de
obras de rehabilitación en edificios e vivendas, como de mellora dos tecidos
urbanos, polo que será necesario incluír medidas sociais, ambientais e
económicas enmarcadas nunha estratexia administrativa global e unitaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario