§ Esta semana complétase a entrega de
13.000 novos equipos para o alumnado dos 154 centros E-Dixgal
§ O conselleiro de Educación e a
directora da Amtega visitan o IES Mestre Landín de Marín, un dos centros
beneficiados cos novos equipos
§ Román Rodríguez agradece o compromiso
do profesorado con este proxecto, que busca xerar máis oportunidades de futuro
ao alumnado e outorgarlle máis competencias no actual mundo global
§ Mar Pereira sinalou que os novos equipos serán a “mochila
dixital” do alumnado, que lles que lle proporciona o acceso a todos os recursos
educativos dixitais dentro e fóra da aula cun soporte técnico ante calquera
dúbida ou incidencia
O
conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia (Amtega), Mar Pereira, visitaron esta mañá o IES Mestre Landín de
Marín, onde destacaron o impulso que se deu no curso actual ao proxecto E-Dixgal
(libro dixital) a nivel de recursos e formación do profesorado. Precisamente,
este instituto é un dos tres centros do concello marinense, xunto co CEP
Sequelo e o CEIP da Laxe (nova incorporación este curso 2017/18) que traballan
co libro dixital, e que ademais xa recibiron parte dos 13.000 novos portátiles
que se están distribuíndo polos 154 centros E-Dixgal de toda Galicia. Na
provincia de Pontevedra o número de equipos renovados ascende a 4982.
Tal e como destacou o conselleiro, a aposta polo libro dixital
enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020,
presentada en setembro do ano pasado. Algúns dos obxectivos deste plan son
lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e
programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e
acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no
2020/21. Actualmente, esta iniciativa está presente en 154 centros e chega xa a
máis de 11.600 alumnos.
Neste sentido, Román Rodríguez quixo agradecer o compromiso do
profesorado con este proxecto, posto que supón un esforzo a nivel formativo.
Por iso, curso a curso, a Consellería reforza o plan anual de formación do
profesorado co fin de acompañar aos docentes na súa actualización e adquisición
dos coñecementos clave para os retos que presenta a educación dixital. De
feito, entre e setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos formativos,
nos que participaron 430 profesores; e este curso tamén se puxo en marcha un
plan de formación específico sobre E-Dixgal.
Tal e como salientou, “o IES Mestre Landín é un exemplo dese
compromiso, dese traballo continuo dos profesores para preparar o alumnado de
cara aos retos da sociedade global e darlle máis oportunidades de futuro”.
Tamén valorou a introdución das TIC no ensino como unha ferramenta que garante
a igualdade de oportunidades, posto que se democratiza o seu acceso e uso
independentemente da situación socioecononómica do alumno.
Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou
que o reparto de equipos é unha da melloras previstas para avanzar cara unha
educación integramente dixital. Neste sentido indicou “que pasamos do concepto
de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao rapaz en
toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle
proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais a súa disposición,
cun soporte técnico ante calquera dúbida ou incidencia.”
Na visita participaron tamén o delegado da Xunta en Pontevedra, José
Manuel Cores Tourís; e o director xeral de Educación, FP e Innovación
educativa, Manuel Corredoira.
Servizo Premium e novos contidos
En 2018 activarase o Servizo de Soporte Premium para
as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o
libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e
online); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de
puntos físicos de atención.
Deste xeito, profesores, alumnos e familias
disporán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co
uso do libro dixital a través de varias canles (telefónica, correo electrónico,
web, app no móvil, ...), dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. O
novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no
domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran unha
atención presencial. Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade
dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que
os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias
sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Respecto aos contidos, a principios de 2018 a
editorial Planeta incorporarase como terceiro provedor de contidos curriculares
dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais,
Netex e Edebé. Ademais, está en fase de licitación o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos
docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma
materiais innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato do
provedor de contidos en inglés.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de
telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación
educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun
mínimo de 100Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total,
dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos
centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario