§ Os sistemas cuxos ríos desembocan na costa comprendida entre O Grove
ata Cee e dos ríos Mero e Mandeo (sistemas do 4 ao 8 e 11 e 12) pasan a
situación de prealerta, debido á mellora rexistrada nos indicadores durante o
mes de xaneiro
§ O director de Augas de Galicia sinala que os encoros acadaron cotas de
ocupación máxima e sitúanse na media dos últimos cinco e dez anos
§ Roberto Martínez avanza que no mes de febreiro se esperan máis
borrascas, polo que en marzo se volverá a analizar a situación
§ O director de Augas salienta que se ten avanzado cara a situación de
normalidade, pero aínda non se saíu da situación de seca, polo que é
imprescindible facer un uso responsable en todos os ámbitos
A Oficina Técnica da Seca propuxo
esta mañá manter a situación de prealerta por seca para a totalidade da
Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, é dicir, mantense a prealerta para os
doce sistemas que xa estaban en prealerta desde xaneiro e os sete que estaban
en situación de alerta pasan agora a prealerta.
O director
de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, avanzou en rolda de prensa a
principal conclusión á que se chegou esta mañá na reunión da Oficina Técnica da
Seca, na que se analizou a situación dos recursos hídricos da Demarcación
Galicia- Costa. Indicaron que, meteoroloxicamente, xaneiro foi un mes moi
invernal e normal no referente a chuvias rexistradas, o que significa
cantidades de chuvia moi significativas, xa que historicamente, xunto con
decembro, é un dos meses máis chuvioso do ano.
Os técnicos
concluíron que, con carácter xeral, os encoros teñen acadado niveis normais e
estables para esta época do ano, superando en 13 puntos o nivel que se
rexistraba en 2016. Esta situación explícase en boa medida a que a situación
meteorolóxica dos últimos meses permitiu a total recuperación dos encoros de
abastecemento e unha importante melloría nos dedicados a outros usos, como o
hidroeléctrico. Na actualidade están ao 69,45 %, un 0,51 % superior á ocupación
da semana pasada.
O director
de Augas de Galicia explicou que no referente aos caudais dos ríos apreciase
unha melloría xeneralizada nos seus niveis base, gracias á continuidade das
chuvias, pero polo momento non se ten acadado na maior parte da demarcación
Galicia-Costa os niveis de normalidade.
A mellor
situación preséntase nos ríos do norte de Lugo e nas cuncas do Umia, Leréz e
Verdugo-Oitaven, onde se rexistraron caudais medios semellantes a outros anos
nesta época. Pola contra, a recuperación, aínda que positiva -aclarou o
director-, esta sendo máis lenta na zona central da Demarcación (parte alta da
cunca do Ulla, Tambre) e na conca do Mendo.
Roberto
Martínez avanzou que, polas previsións que traslada Meteogalcia, no mes de
febreiro espéranse máis borrascas, polo que en marzo se volverá a analizar a
situación. Indicou que tamén é recomendable esperar á concreción das predicións
de marzo e abril, para saber como serán as condicións de cara ao verán.
Non
obstante, recomendou unha vez máis facer un uso responsable dos recursos
hídricos; pois se ben é certo que se ten avanzado, aínda non se saíu da
situación por seca, polo tanto é necesario e recomendable facer un uso
responsable da auga desde todos os ámbitos.
Sistemas que se manteñen en prealerta
Os sistemas
que se manteñen en situación de prealerta son: os sistemas 1 e 2, concas
do Verdugo e Oitavén e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na Ría de
Vigo e na costa dos concellos de Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda; sistema
3, conca do río Lérez e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na
ría de Pontevedra; sistema 9, conca do río Grande e de todos os ríos
máis pequenos que desembocan na ría de Camariñas e a costa de Laxe; sistema
10, conca do río Anllóns e dos ríos máis pequenos que desembocan na costa
dos concellos de Ponteceso, Malpica e Carballo; sistema 13, conca do río
Eume e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Ares (costa de
Ares, Cabanas, Pontedeume e Miño); sistema 14, conca do río Forcadas e
de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Ferrol e as costas
norte de Ferrol Narón e Valdoviño; sistema 15, conca do río Mera e de todos
os ríos máis pequenos que desembocan nas rías de Ortigueira e Cerdeira; sistemas
16, 17, 18 e 19, os ríos da Mariña lucense que desembocan no mar
Cantábrico.
Sistemas
que mudan a prelaerta
Os sistemas
que estaban en situación de prealerta e que agora pasan a prealerta por seca,
son os que se corresponden coa zona central (sistemas do 4 ao 8, ambos
incluídos), onde os principais ríos que se atopan son o Tambre, Ulla, Umia,
Xallas e Castro e en xeral as concas de todos os ríos que desembocan na costa
comprendida desde O Grove ata Cee e os sistemas 11 e 12, no que se
atopan as concas dos ríos Mero e Mandeo e as dos ríos máis pequenos que
desembocan na Ría da Coruña, ría de Betanzos e na costa de Arteixo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario