O programa
que ofertará ata 20.000 prazas, das que 400 serán gratuítas
Dende este mércores
7 de febreiro ábrese o prazo de presentación das solicitudes para participar en
“En Ruta coa Depo 2018”, programa da Deputación de Pontevedra promovido polo
servizo do Cohesión Social e Xuventude. Así, as
entidades da provincia interesadas neste programa poderán facer a súa
solicitude ata o vindeiro 26 de febreiro. As peticións presentaranse no
Rexistro xeral da Deputación, en calquera das súas oficinas de rexistro e no
Rexistro electrónico sede.depo.es, de conformidade co establecido no artigo 16
da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das
administracións públicas (LPACAP).
En liñas
xerais, o programa, ao que a institución provincial destina 100.000 euros máis
que no 2017, oferta 32 rutas para coñecer diferentes lugares da provincia de
Pontevedra para 20.000 persoas, das cales 400 gozarán do programa de xeito
totalmente gratuíto. Cada participante achegará a cantidade
de 12 €, que incluirá o desprazamento de ida e volta en autobús desde os puntos
marcados nos seus concellos, a visita guiada por unha persoa habilitada como
guía de turismo especializada de Galicia e o xantar.
As empresas que
presenten ofertas para esta convocatoria deberán ter en conta que se trata dun
programa que ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia a través
do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para
as persoas con diversidade funcional. Amais, o programa pretende impulsar
actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o
asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable. Por outra banda,
“En ruta coa Depo” tamén oferta rutas específicas onde nais, pais, titoras e
titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e
divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de
semana ou estancias estivais.
“En ruta coa
Depo” está dirixido a entidades sociais da provincia de Pontevedra que poderán
solicitar, por orde de preferencia, tres rutas das 32 propostas, sinalando o
mes e o día da semana preferidos para a súa realización. En total a Deputación
de Pontevedra oferta 20.000 prazas para gozar dun día coñecendo os lugares
sinalados na ruta, acompañados dunha persoa como guía e incluíndo o xantar e o
transporte. Por segundo ano consecutivo haberá 400 prazas de balde para persoas
con dificultades económicas ou risco de exclusión social.
Este ano, a
institución provincial preparou un total de 32 alternativas de “En ruta coa
Depo” divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para
persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. A Deputación de Pontevedra destina ó programa
“En ruta coa Depo 2018” 360.000 €, 100.000 euros máis que este ano cando xa se
incrementara o orzamento destinado á actuación en 21.500 € con respecto ao 2016.
No 2017, “En
Ruta coa Depo” desenvolveuse entre agosto e decembro con éxito e coa
participación de 410 entidades da provincia e 17.501 persoas. En total, a
Deputación de Pontevedra organizou ata 279 excursións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario