A través dunha liña de axudas para a recuperación e
rehabilitación do patrimonio de titularidade municipal e para a súa adecuada
sinalización
Poderán concorrer a esta convocatoria todos os concellos
da provincia con menos de 50.000 habitantes e o prazo de solicitudes remata o
23 de marzo
A
Xunta do Goberno provincial vén de aprobar na súa última sesión as bases das
axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural
dirixidas aos concellos da provincia. O prazo para acceder a estas axudas
abrirase tras a publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará o 23
de marzo, e poderán presentar solicitudes todos os concellos da provincia con
menos de 50.000 habitantes. O departamento provincial de Cultura e Lingua
convoca esta liña de subvencións para promover a recuperación e rehabilitación
deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de
titularidade municipal.
A
Deputación destinará a esta liña de axudas un total de 500.000 euros. Un
importe fixo de 250.000 euros repartirase de forma lineal entre os concellos da
provincia que decidan acollerse a estas axudas. Os outros 250.000 euros serán
repartidos do seguinte xeito: o 20% desta cantidade destinarase ao grupo de
concellos de ata 10.000 habitantes; unha porcentaxe do 40% destinarase ao grupo
de concellos que teñan entre 10.001 e 20.000 habitantes; e outro 40%
destinarase ao grupo de concellos que teñen entre 20.001 e 50.000 habitantes.
No suposto da non existencia de solicitudes por algún dos concellos incluídos
nestes grupos procederase a unha nova redistribución das cantidades iniciais,
trasladándollo aos concellos solicitantes para os efectos oportunos. Ademais, a
concesión destas axudas é compatible con outras que se reciban para o mesmo
fin, sempre que o conxunto de todas elas non supere o 100% do custo do
investimento.
Ao
igual que en anteriores convocatorias, esta liña de subvencións contempla tres
apartados: a adquisición de ben inmobles integrantes do patrimonio histórico da
provincia; a restauración dos bens inmobles, conxuntos urbanos e sitios
naturais que teñan recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico,
paleontolóxico, arqueolóxico e etnográfico; e a instalación de paneis
informativos no patrimonio histórico e cultural.
As
actuacións subvencionables poden incluír propostas de obras de conservación, restauración
e sinalización. Considéranse obras de conservación as que teñan como finalidade
o mantemento do inmoble coas súas características e materiais orixinais, sexan
reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as
que deriven de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou
polo seu uso característico.
Por
obras de restauración enténdense as que teñen por obxecto a restitución da
imaxe e unidade do ben, a través de operacións de reintegración de elementos
deteriorados, perdidos ou eliminados no seu momento cun criterio desafortunado
ou erróneo, co fin de recuperar o carácter orixinal do inmoble e a súa función.
Estas obras de restauración poden supoñer a execución de novas estruturas,
peches, cubertas, ou outros elementos de entidade construtiva.
Tamén
contempla como subvencionables as obras de sinalización dos ben inmobles, e os
estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos
mesmos e que son necesarios para a elaboración de sinais. A orde inclúe ademais
os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo; o
deseño e instalación de paneis informativos; e os gastos de estudos
museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización,
coa recollida da información precisa e veraz dos mesmos.
Tanto
para as obras de conservación como para as de restauración deben aplicarse
criterios nos que se empreguen as solucións construtivas e de deseño
tradicionais e orixinais, utilizando os materiais que lles son propios. No
suposto de adquisición, rehabilitación e mellora de bens inventariables o
beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se lle concedeu
a subvención, durante un período non inferior a cinco anos no caso de bens
inscribibles nun rexistro público, nin a dous para o resto dos bens.
Mentres,
os tipos e as medidas dos paneis informativos quedarán suxeitos ás necesidades
e á contorna, respectando a normativa vixente. Para os paneis interpretativos
deberán empregarse materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo, e que
harmonicen coa contorna. No caso dos cambios de sinalización por reposición de
sinais nos núcleos urbanos, deberán respectarse as directrices establecidas nas
respectivas ordenanzas municipais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario