O programa
oferta 2.200 prazas dirixidas a nenos e nenas entre 8 e 13 anos, 300 delas
gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social
A novidade
deste ano é a inclusión de actividades destinadas á concienciación sobre a
posta en valor dos montes e prevención dos lumes
A Deputación de
Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa “Depoaventura A
Lanzada 2018”, o programa de campamentos de verán no Centro de Vacacións da
Lanzada para 2.200 rapazas e rapaces dos concellos da provincia nados entre
2005 e 2010. Ao igual que nas dúas anteriores edicións, o programa oferta 300
prazas gratuítas para menores en situación ou risco de exclusión social e este
ano inclúe, como principal novidade, actividades destinadas a concienciar ás
mozas e aos mozos sobre o valor dos montes e a previr os lumes.
En DepoAventura A
Lanzada poderán participar todas as nenas e nenos empadroados na provincia,
nados entre 2005 e 2010 ata completar as 2.200 prazas e un ano máis coa
inclusión de nenas e nenos con diversidade funcional, en igualdade de
condicións coas e cos demais, algo que non acontecía co anterior goberno
provincial.
O prezo por praza
na actividade terá un custe de 100 € e inclúe o aloxamento e manutención, as
actividades do campamento, o seguro e a excursión. No caso das familias
numerosas, deberán aboar 80 € por praza. “Depoaventura A Lanzada 2018” tamén contempla
300 prazas gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social,
das cales 260 resérvanse para os concellos, 25 para menores do Centro Príncipe
Felipe e 15 para aqueles e aquelas en situación de tutela ou garda
administrativa doutros centros da provincia.
O programa de lecer
para a mocidade na Lanzada ten por obxectivo que as mozas e mozos da provincia
empreguen o seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter
lúdico, cultural, deportivo e formativo que contribúan ao seu enriquecemento
persoal e lles faciliten coñecer outros lugares fóra da súa contorna habitual.
Desde xeito, o programa promove e fomenta o desenvolvemento persoal e social
das rapazas e rapaces e favorece a comunicación e dinamismo multicultural.
Para acadar os seus
obxectivos, a Deputación de Pontevedra promove un programa lúdico e educativo
que inclúe a programación e o desenvolvemento de actividades ao aire libre
relacionadas coa natureza, a lingua inglesa, a arte, a cultura, o deporte e os
xogos. Como principal novidade con respecto ao ano pasado, este ano inclúense
actividades que están destinadas á concienciación da mocidade sobre a posta en
valor dos montes e a prevención dos lumes.
Deste xeito, dase resposta ao compromiso adquirido trala vaga de
lumes de outubro do ano pasado de introducir en todos os proxectos actividades
de formación e educación ambiental. Por iso, en cada unha das quendas de
“Depoaventura A Lanzada” haberá unha actividade centrada na concienciación
sobre a posta en valor dos montes e prevención dos lumes.
Para este verán, a Deputación de Pontevedra contempla a organización de
11 quendas, con 200 prazas cada unha, coa finalidade de dar cabida na Lanzada a
2.200 nenas e nenos que estarán aloxados en tendas de campaña, en réxime de
pensión completa. A primeira quenda terá lugar do 24 ao 30 de xuño e as
seguintes do 1 ao 7 de xullo, do 8 ao 14 de xullo, do 15 ao 21 de xullo, do 22
ao 28 de xullo, do 29 de xullo ao 4 de agosto, do 5 ao 11 de agosto, do 12 ao
18 de agosto, do 19 ao 25 de agosto, do 26 de agosto ao 1 de setembro e do 2 ao
8 de setembro.
As familias interesadas en que as súas rapazas e rapaces participen en
“Depoaventura A Lanzada 2018” terán 20 días naturais de prazo contados a partir
do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Boletín
Oficial da Provincial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario