ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN DO PROGRAMA DE TERMALISMO DA DEPUTACIÓN “DEPOTERMAL 2018” - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 25 de marzo de 2018

ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN DO PROGRAMA DE TERMALISMO DA DEPUTACIÓN “DEPOTERMAL 2018”






O prazo de solicitude, aberto aos veciños e veciñas da provincia, rematará o 18 de abril

A Deputación financia máis de 400 prazas destinadas a familias en situación de risco ou exclusión social

Xa está aberto o prazo de inscrición no programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2018”, no que poden participar todas aquelas persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que teñan nado antes do 1 de xaneiro de 1968 (ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas), que conten cun grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou necesiten respiro familiar.  

As persoas interesadas en participar no programa de termalismo deberán cubrir o formulario de solicitude (pódese atopar en https://procedementos.depo.es/formularios/?depotermal) e entregar o xustificante xerado no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra ou nos concellos adheridos ao programa. O prazo de inscrición remata o 18 de abril.

En total, a institución provincial oferta 4.434 prazas, das cales 1.248 serán para o programa termal de asistencia diaria sen pernocta (cinco días consecutivos de asistencia aos establecementos termais) e 3.186 para o programa termal con pernocta (cinco días e seis noites aloxados nos establecementos termais). A Deputación de Pontevedra financia 248 prazas para o programa termal de asistencia diaria sen pernocta e 186 para o programa con pernocta, no caso de familias en situación e/ou risco de exclusión social.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade. Amais, ao desenvolverse en temporada turística baixa, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario