Este
programa, de nova creación, está destinado unicamente a grupos musicais
profesionais con domicilio social en Pontevedra
O
prazo de inscrición comeza hoxe e rematará o vindeiro 6 de abril
Tras
a publicación onte no BOPPO das bases do programa Musigal, todos os grupos
musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra poden presentar xa as
súas solicitudes de inscrición. Hai que lembrar que o Musigal, unha iniciativa
de nova creación ao abeiro do Ano da Lingua, conta cunha dotación orzamentaria
de medio millón de euros e pretende
promover que os concellos conten con apoios para contratar música profesional
galega e en galego ao longo deste exercicio. O prazo para que os grupos se
inscriban rematará o 6 de abril, mentres que o prazo para que os concellos
soliciten actuacións rematará o 30 de abril.
Segundo
as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e
grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de
xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega
e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser
instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. As bases establecen,
ademais, seis categorías: ‘Son muller’, na que poden inscribirse grupos nos que
polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; “Son
crianza” para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar;
“Son mocidade” para grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes
sexan menores de 35 anos; “Son tradición” para grupos de música tradicional
galega; “Son clásico” para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio
composicións de autores galegos; e “Son actual” para grupos de pop, rock, hip
hop e música electrónica.
Na
documentación que os grupos deben achegar inclúense aspectos como a descrición
do espectáculo, acreditando o emprego do galego como mínimo no 70% das obras
musicais que se interpretan; as necesidades técnicas; e o importe do
espectáculo, que será fixado libremente polos grupos e intérpretes,
especificando que parte corresponde ao caché da actuación e cal ao custo do
equipamento técnico.
Pola
súa banda, os concellos poderán
solicitar as actuacións inscritas no Musigal antes do 30 de abril e poderán
solicitar un máximo de 3 actuacións ao ano. Todas as actuacións concedidas
serán cofinanciadas ente a Deputación e os concellos. O organismo provincial
asumirá o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello
aboará a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios
necesarios para o desenvolvemento da actuación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario