§ O organismo
provincial desconvoca a xuntanza prevista para o pasado 16 de Xaneiro logo de negar ao titular da
Consellería de Cultura e Turismo a súa asistencia de xeito inxustificado
§ O Goberno galego apela ao espírito de
diálogo e cooperación co que se está a planificar o Xacobeo 21 do que
participan a inmensa maioría das institucións
A Xunta de
Galicia tiña previsto participar na xuntanza da mesa do Camiño
de Santiago na provincia de Pontevedra tal e como vén facendo habitualmente nos
últimos anos. Sen embargo, a Deputación provincial decidiu a súa inesperada
desconvocatoria logo de negar a presenza nela do titular da Consellería de
Cultura e Turismo dun xeito inxustificado.
A Deputación de Pontevedra obvia o seu regulamento
co fin de obstaculizar a normal incorporación á mesa do conselleiro, derivada
da reforma da estrutura do Goberno autonómico o pasado mes de setembro. Así,
impide a súa asistencia a esta reunión malia que o seu funcionamento permite a
súa intervención dadas as súas responsabilidades.
Transmitida esta negativa por parte da
institución pontevedresa, a Xunta transmitiu a súa sorpresa e incredulidade a
través dunha carta remitida á presidenta provincial na que argumenta a
oportunidade e relevancia desta participación e o erro da súa decisión.
Así mesmo, solicita a reconsideración e
corrección desta postura, a fin de poder perseverar no clima de cooperación e
entendemento mantido ata agora no marco do Plan Director do Camiño de Santiago,
que dedica a súa primeira liña estratéxica, de maneira íntegra, á coordinación
e organización administrativa, contexto no que cabe entender a celebración
deste tipo de mesas que dito Plan pretende desenvolver no horizonte do 2021.
O Executivo
autonómico apela ao clima de entendemento que está a caracterizar a preparación
do Xacobeo 21, un proxecto de país que precisa da suma de esforzos e vontades.
Esta realidade plásmase a través de diferentes instrumentos de colaboración que
vén funcionando satisfactoriamente con independencia das entidades
participantes neles, como o Consejo Jacobeo, que reúne a comunidades gobernadas
por distintos partidos políticos; a Comisión Organizadora do Xacobeo 21, coa
implicación de distintos niveis da administración; ou o Grupo do Traballo do
Xacobeo 21 constituído onte mesmo no Parlamento de Galicia e que integra a
todos os grupos con representación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario