A Deputación dispón dun orzamento de
800.000 euros destinados a redactar proxectos e executar actuacións concretas
A Deputación de Pontevedra terá aberto o prazo da
súa terceira e última convocatoria de subvencións para crear parques forestais
nos montes da provincia ata finais deste mes. Existe unha partida económica de 800.000 euros a repartir entre os
concellos pontevedreses e lembra que é necesario que os gobernos municipais
presenten as súas solicitudes por vía electrónica antes do 26 de xaneiro.
As bases desta última convocatoria de axudas para a
mellora do monte foron aprobadas o pasado mes en Xunta de Goberno e publicadas
no BOPPO o 27 de decembro, dando un prazo de 30 días naturais para a presentación
de solicitudes. Nas bases (que se poden consultar en https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2018/12/27/2018058877)
explícase o conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión
segundo os principios de obxectividade e concorrencia competitiva.
Serán accións subvencionables os proxectos destinados á creación de parques forestais que teñan como obxecto preservar, mellorar e destacar valores naturais (paisaxísticos, ambientais, edafolóxicos e forestais) e culturais; as formacións arbóreas (carballeiras, soutos, fragas etc.); a preservación de especies con valor ecolóxico; a preservación do patrimonio: xacementos arqueolóxicos (castros, mámoas, petróglifos etc.), monumentos, lugares, conxuntos, tradicións ou técnicas artesanais; a adopción de medidas fronte a incendios: silvicultura preventiva, faixas de protección, devasas vexetais ou a creación de puntos de auga; a diversificación de usos: produción de cogomelos, plantas aromáticas, silvopastoreo, aproveitamento de froitos ou apicultura; así como a creación de zonas de uso e aproveitamento para a cidadanía coma sendas peonís, miradoiros, parques, rutas ou aulas de interpretación, entre outros.
Poderán presentar as solicitudes todos os concellos
da provincia de Pontevedra, individualmente ou agrupados, para os parques
forestais do seu ámbito xeográfico que teñan como requisitos ser unha área de
monte continua e coherente cunha amplitude mínima de 30 hectáreas, tendo en
conta que para acadar a superficie poderanse formar agrupacións de comunidades
de montes que estean localizadas nun mesmo concello ou en concellos distintos
sempre que sexan estremeiras. Tamén se esixe conservar o carácter forestal do
monte e conter valores naturais (paisaxísticos, ambientais, edafolóxicos e
forestais) ou culturais para preservalo e poñelo en valor.
Para desenvolver estas actuacións aprobáronse dúas
liñas de actuación: A ‘Liña 1’ inclúe a redacción dos proxectos de parques
forestais, subvencionados ata un máximo do 70 % do seu custo e cun límite
superior de 6.000 € por proxecto, e a ‘Liña 2’ de subvencións para a execución
das actuacións contempladas en proxectos xa redactados, subvencionados ata un
máximo do 70% do custo cun límite superior máximo subvencionable de 1.500 € por
hectárea, o que eleva considerablemente o máximo das axudas anteriores, que se
se fixara nos 900€ por hectárea.
Por outra parte outra das
novidades das bases é que para o cálculo do límite superior na ‘Liña 2’ só se
terán en conta as hectáreas nas que se van realizar actuacións e non a
totalidade do parque forestal. Por tanto, no caso de actuacións puntuais que
non acaden grandes superficies (posta en valor dun xacemento, unha fonte ou un
tramo de escalada, por exemplo) determinarase un área de influencia coherente
ao redor e será esta a que se contabilizará para o cálculo do límite da axuda.
O 30 % restante do custe do proxecto non
subvencionable pola Deputación -ou a cantidade que resultase no caso de se
superaren os límites fixados- terano que achegar os concellos solicitantes, ben
dos seus fondos, ben mediante acordos coas entidades titulares dos predios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario