Esta liña de axudas, creada no ano 2016 polo departamento
de Cultura e Lingua, leva destinados máis de 2 millóns de euros á recuperación
e rehabilitación do patrimonio de titularidade municipal e á súa adecuada
sinalización
Poderán concorrer a esta convocatoria todos os concellos
da provincia con menos de 50.000 habitantes e o prazo de solicitudes remata o 8
de febreiro
O
Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases das axudas para a
rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural dirixidas aos
concellos da provincia, cuxo prazo de solicitude rematará o 8 de febreiro. Ao
igual que en convocatorias anteriores, poderán presentar solicitudes todos os
concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes co obxecto de recuperar e
rehabilitar deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de
titularidade municipal.
Nesta
convocatoria, o departamento provincial de Cultura e Lingua destinará a esta
liña de axudas un orzamento de 400.000 euros, que sumado aos dos anos
anteriores supón un investimento de 2.055.000 euros no conxunto do actual
mandato –hai que lembrar que estas axudas foron creadas polo actual goberno
provincial no ano 2016- . Esta liña de subvencións contempla tres apartados: a
adquisición de ben inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia; a
restauración dos bens inmobles, conxuntos urbanos e sitios naturais que teñan
recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico,
arqueolóxico e etnográfico; e a instalación de paneis informativos no
patrimonio histórico e cultural. As
actuacións subvencionables poden incluír propostas de obras de conservación,
restauración e sinalización. Considéranse obras de conservación as que teñan
como finalidade o mantemento do inmoble coas súas características e materiais
orixinais, sexan reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos
deteriorados, ou as que deriven de reparacións dos danos habituais provocados
polo paso do tempo ou polo seu uso característico.
Por
obras de restauración enténdense as que teñen por obxecto a restitución da
imaxe e unidade do ben, a través de operacións de reintegración de elementos
deteriorados, perdidos ou eliminados no seu momento cun criterio desafortunado
ou erróneo, co fin de recuperar o carácter orixinal do inmoble e a súa función.
Estas obras de restauración poden supoñer a execución de novas estruturas,
peches, cubertas, ou outros elementos de entidade construtiva.
Tamén
contempla como subvencionables as obras de sinalización dos ben inmobles, e os
estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos
mesmos e que son necesarios para a elaboración de sinais. A orde inclúe ademais
os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo; o
deseño e instalación de paneis informativos; e os gastos de estudos
museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización,
coa recollida da información precisa e veraz dos mesmos.
Tanto
para as obras de conservación como para as de restauración deben aplicarse criterios
nos que se empreguen as solucións construtivas e de deseño tradicionais e
orixinais, utilizando os materiais que lles son propios. No suposto de
adquisición, rehabilitación e mellora de bens inventariables o beneficiario
deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se lle concedeu a
subvención, durante un período non inferior a cinco anos no caso de bens
inscribibles nun rexistro público, nin a dous para o resto dos bens.
Mentres,
os tipos e as medidas dos paneis informativos quedarán suxeitos ás necesidades
e á contorna, respectando a normativa vixente. Para os paneis interpretativos
deberán empregarse materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo, e que
harmonicen coa contorna. No caso dos cambios de sinalización por reposición de
sinais nos núcleos urbanos, deberán respectarse as directrices establecidas nas
respectivas ordenanzas municipais.
Do
orzamento total desta liña, un importe fixo de 200.000 euros repartirase de
forma lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a estas
axudas. Os outros 2o0.000 euros serán repartidos do seguinte xeito: o 20% desta
cantidade destinarase ao grupo de concellos de ata 10.000 habitantes; unha
porcentaxe do 40% destinarase ao grupo de concellos que teñan entre 10.001 e
20.000 habitantes; e outro 40% destinarase ao grupo de concellos que teñen
entre 20.001 e 50.000 habitantes. No suposto da non existencia de solicitudes
por algún dos concellos incluídos nestes grupos procederase a unha nova
redistribución das cantidades iniciais, trasladándollo aos concellos
solicitantes para os efectos oportunos. Ademais, a concesión destas axudas é
compatible con outras que se reciban para o mesmo fin, sempre que o conxunto de
todas elas non supere o 100% do custo do investimento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario