A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe a unha persoa maior que é coidada na casa pola súa filla
— Unhas 20.000 familias beneficiaranse do Bono coidado universal, axuda de 5.000 euros ao ano para todas as persoas dependentes que reciben atención nas súas casas por parte dun familiar, dun veciño ou calquera outra persoa
— Esta axuda chegará a todas as persoas nesta situación, sen importar o seu grao de dependencia ou os ingresos económicos que teñan
— Con este bono universal, Galicia é a primeira comunidade autónoma que emprende o camiño cara a universalización dos coidados
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia destinará 100 millóns de euros ao ano para axudar a todas as persoas dependentes que son coidadas nos seus fogares. Así o sinalou esta mañá nunha visita á vivenda dunha persoa con dependencia en Mos que é atendida pola súa filla, e na que estivo acompañada da alcaldesa Nidia Arévalo.
Fabiola García apuntou que 20.000 familias galegas beneficiaranse do Bono coidado universal, unha axuda de 5.000 euros ao ano para todas as persoas con dependencia que reciben atención nos seus domicilios, xa sexa por un familiar, un veciño ou calquera outra persoa. Ao respecto, apuntou que con este bono Galicia é a primeira comunidade en emprender o camiño cara a universalización dos coidados, posto que se trata dunha axuda que chegará a todos os dependentes, con independencia do seu grao ou situación económica.
Así mesmo, a conselleira destacou que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2024 avanzan na dirección de situar a Galicia no liderado da atención á dependencia e das políticas sociais. Neste sentido, destacou que, un ano máis, o Executivo autonómico reforza o gasto social, que superará os 9.700 millóns de euros e que será o máis alto da historia.
Programas de proximidade
Fabiola García referiuse a outros programas que ten en marcha a Xunta para atender á preferencia maioritaria que teñen as persoas maiores de poder vivir esta etapa das súas vidas na súa contorna familiar. Con este obxectivo, o Executivo autonómico incrementa cada ano o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que atende a 26.000 galegos nas súas casas e ao que se destinan 112 millóns de euros; e puxo en marcha o programa Xantar na casa, que leva 14.000 menús semanais ás vivendas de 2.000 galegos que viven sos.
Nesta mesma liña, reforzouse e mellorouse o servizo de Teleasistencia, que permite poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas maiores e que beneficia na actualidade a máis de 9.000 persoas; e fomentáronse os coidados na contorna familiar, para axudar ao coidador habitual nas súas tarefas.
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Social e Xuventude
No hay comentarios:
Publicar un comentario