O presidente da Deputación de Pontevedra detallará aos rexedores o novo marco de reparto de fondos marcado pola transparencia e a ausencia de sectarismo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de convocar aos 61 alcaldes e alcaldesas da provincia para unha reunión o día 16 de outubro no Pazo Provincial para comunicarlles polo miúdo o programa de investimentos do goberno provincial para o próximo exercicio.
No marco dos preparativos dos Orzamentos do próximo ano e cumprindo coa súa palabra de explicarlle primeiro ao conxunto de rexedores os principios que marcarán os investimentos da Deputación nos distintos concellos pontevedreses, o mandatario provincial remitiu este luns unha invitación aos 61 rexedores da provincia na que os convida a asistir á reunión.
Un encontro no que lles trasladará a súa intención de estreitar a colaboración cos concellos e afondar no apoio aos investimentos municipais. Así mesmo, Luis López detallará a todos os dirixentes municipais cales serán os principios e as liñas mestras que marcarán o reparto de fondos provinciais nos distintos concellos, que estará rexido pola transparencia e a ausencia de sectarismo.
O presidente trasladará o seu compromiso de levar a cabo un mandato caracterizado pola cercanía, a comunicación fluída e a lealdade institucional con todos os concellos sen importar o seu tamaño ou o partido no goberno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario