Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 13 de mayo de 2014

A XUNTA INFORMA AOS CONCELLOS DEPENDENTES DA DELEGACIÓN TERRITORIAL DE PONTEVEDRA DAS AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE, QUE CONTAN CUNHA DOTACIÓN DE 3,4 MILLÓNS DE EUROS




§      A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, presentaron esta mañá o programa de axudas
§      A nova convocatoria prioriza as solicitudes presentadas conxuntamente e contempla a concesión de anticipos de ata o 80% da subvención concedida
§      Engloba a promoción da igualdade entre homes e mulleres, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, presentaron hoxe aos representantes dos concellos da demarcación territorial de Pontevedra a convocatoria de axudas e subvencións ás entidades locais para a promoción da igualdade. O seu orzamento é de 3,4 millóns de euros, cofinanciados ao 80 por cento polo Fondo Social Europeo.
Susana López Abella e Ana Ortiz, acompañadas do subdirector de Promoción da Igualdade, Ramón Quiroga Limia, destacaron o reforzo do Goberno galego na promoción da igualdade nos concellos ca concesión nesta convocatoria de anticipos de ata o 80 por cento da subvención concedida. Contribúese, deste xeito, a que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente o precisan.
Segundo destacou a secretaría xeral da Igualdade, con esta nova resolución preténdese apoiar e consolidar as actuacións que se están a levar a cabo desde as administracións locais en materia de igualdade, de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a Rede de Centros de Información ás Mulleres (CIM) existentes en Galicia, que suman un total de 80.
Proxectos conxuntos entre entidades locais
A convocatoria é en réxime de concorrencia competitiva e está destinada tanto a entidades locais que presenten as súas solicitudes de xeito individual como mediante o sistema de xestión compartida. As bases reguladoras seguen a priorizar, ao igual que o ano pasado, as solicitudes presentadas conxuntamente por varios entes locais, concedéndolles maior puntuación pasando dos 30 puntos da anterior convocatoria aos 40 puntos concedidos na actual.
Os concellos que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración relativo a esta agrupación ou asociación. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A resolución publicada a semana pasada no DOG ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, ás entidades locais de Galicia destinadas a facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, mediante a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades e de trato, á conciliación da vida persoal, familiar e laboral; á participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural e á erradicación da violencia de xénero.
Accións subvencionables
A convocatoria deste ano engloba os mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados nas anteriores:

• A promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero
• Fomento da conciliación
• Apoio aos CIM
A primeira destas liñas está destinada a medidas como a elaboración e avaliación de plans de Igualdade, accións de capacitación do persoal municipal ou a realización de actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil. Ademais, tamén se destinarán a accións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local nesta liña de axudas é de 10.000 euros no caso de solicitude individual e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta.
Pola súa banda, o programa destinado ao fomento da conciliación, subvenciona todas aquelas medidas, accións ou programas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 20.000 euros nas conxuntas.
Por último, o programa dedicado aos CIM, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, se é de xeito individual, e ata 100.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario