§
A secretaria xeral de
Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria territorial da Delegación
Territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, presentaron esta mañá o programa
de axudas
§
A nova convocatoria prioriza
as solicitudes presentadas conxuntamente e contempla a concesión de anticipos
de ata o 80% da subvención concedida
§
Engloba a promoción da
igualdade entre homes e mulleres, o fomento da conciliación e o apoio aos
Centros de Información ás Mulleres
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a secretaria
territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, presentaron hoxe
aos representantes dos concellos da demarcación territorial de Pontevedra a
convocatoria de axudas e subvencións ás entidades locais para a promoción da
igualdade. O seu orzamento é de 3,4 millóns de euros, cofinanciados ao 80 por
cento polo Fondo Social Europeo.
Susana López Abella e Ana Ortiz, acompañadas do
subdirector de Promoción da Igualdade, Ramón Quiroga Limia, destacaron o
reforzo do Goberno galego na promoción da igualdade nos concellos ca concesión
nesta convocatoria de anticipos de ata o 80 por cento da subvención concedida.
Contribúese, deste xeito, a que as entidades locais dispoñan dos recursos cando
realmente o precisan.
Segundo destacou a secretaría xeral da Igualdade, con
esta nova resolución preténdese apoiar e consolidar as actuacións que se están
a levar a cabo desde as administracións locais en materia de igualdade, de
prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén
apoiar a Rede de Centros de Información ás Mulleres (CIM) existentes en
Galicia, que suman un total de 80.
Proxectos conxuntos entre entidades locais
A convocatoria é
en réxime de concorrencia competitiva e está destinada tanto a entidades locais
que presenten as súas solicitudes de xeito individual como mediante o sistema
de xestión compartida. As bases reguladoras seguen a priorizar, ao igual que o
ano pasado, as solicitudes presentadas conxuntamente por varios entes locais,
concedéndolles maior puntuación pasando dos 30 puntos da anterior convocatoria
aos 40 puntos concedidos na actual.
Os concellos
que se agrupen ou asocien deberán presentar un convenio de colaboración
relativo a esta agrupación ou asociación. A presentación das solicitudes
realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario
normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A resolución
publicada a semana pasada no DOG ten por obxecto aprobar as bases reguladoras
polas que se rexerá a concesión de subvencións, ás entidades locais de Galicia
destinadas a facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes,
mediante a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de
oportunidades e de trato, á conciliación da vida persoal, familiar e laboral; á
participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural e á
erradicación da violencia de xénero.
Accións subvencionables
A convocatoria
deste ano engloba os mesmos programas de colaboración coas entidades locais que
os contemplados nas anteriores:
• A promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero
• Fomento da
conciliación
• Apoio aos CIM
A primeira destas liñas está destinada a medidas como
a elaboración e avaliación de plans de Igualdade, accións de capacitación do
persoal municipal ou a realización de actividades de coeducación dirixidas á
poboación infantil e xuvenil. Ademais, tamén se destinarán a accións de
prevención e tratamento integral da violencia de xénero. A contía máxima que
pode recibir unha entidade local nesta liña de axudas é de 10.000 euros no caso
de solicitude individual e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta.
Pola súa banda, o programa destinado ao fomento da
conciliación, subvenciona todas aquelas medidas, accións ou programas que os
concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal,
familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os
plans de programación do tempo das cidades. Neste segundo programa, a contía
máxima será de 12.000 euros para as solicitudes individuais e ata 20.000 euros
nas conxuntas.
Por
último, o programa dedicado aos CIM, ten por obxecto colaborar coas entidades
locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación
dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles
proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos
específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra
actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres
e homes. A contía máxima por este programa é de 45.000 euros, se é de xeito
individual, e ata 100.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario