Lei de Augas: A Xunta somete a información pública o regulamento do novo canon da auga, que incluirá todos os compromisos sociais asumidos . - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 10 de agosto de 2011

Lei de Augas: A Xunta somete a información pública o regulamento do novo canon da auga, que incluirá todos os compromisos sociais asumidos .

Os pozos particulares, as traídas veciñais e os usos agrarios e gandeiros non estarán obrigados ao pagamento do canon, tal e como se comprometeu o Goberno galego dende o inicio da redacción da nova Lei de Augas

O Goberno galego somete a información pública dende comezos deste mes ata mediados de setembro o borrador do decreto polo que se regulará o novo canon da auga previsto na Lei de Augas, elaborada polo actual Goberno, e que garantirá financiar na súa totalidade o ciclo da auga.

Trátase do inicio da tramitación do cuarto dos regulamentos que desenvolven a Lei de Augas de Galicia. O canon da auga substituirá ao actual canon de saneamento, e se creará unha taxa de depuración chamada coeficiente de vertido. Esta estará vinculada á explotación das estacións de depuración por parte da Xunta, equivalente ás taxas de depuración que cobran os concellos e incompatible con elas. En definitiva, non se crea ningún novo imposto, senón que evolucionan os existentes para melloralos.

A nova fiscalidade autonómica da auga ten dous obxectivos: asegurar a viabilidade das infraestruturas do ciclo da auga en Galicia coa execución de obras hidráulicas e do servizo de depuración, e por outro lado, promover o uso responsable da auga beneficiando aos que menos consumen e penalizando aos que o fan en exceso.
O canon da auga terá un carácter finalista, é dicir, permitirá financiar única e exclusivamente actuacións en materia de obras de saneamento e abastecemento, a explotación de depuradoras de augas residuais e a xestión dos ríos. Anteriormente, o canon de saneamento só financiaba obras de saneamento, por tratarse da prioridade fundamental, pero agora se debe traballar en todos os aspectos do ciclo da auga.
Usos domésticos e gandeiros

O novo canon mellora o actual canon de saneamento incorporando criterios de progresividade e equidade. No primeiro dos casos, porque a tarifa doméstica estruturase en diversos tramos segundo o consumo, no que se terán en conta o número de persoas por vivenda. Respecto da equidade, os cidadáns pagarán o mesmo independentemente de onde vivan. Na actualidade, os cidadáns abastecidos por redes de saneamento públicas en núcleos menores de 2000 habitantes non pagan canon e reciben o mesmo servizo que nas cidades. Ademais, os usuarios de servizos de depuración xestionados pola Xunta non sustentan ese custe; mentres que se o encargado e o concello si que o fan, con tarifas e niveis de calidade moi dispares.

En calquera dos casos, é importante subliñar que o impacto do canon da auga estará marcado polo propio consumo. Co novo canon da auga os usuarios pagarán só polo que realmente necesitan e consumen, evitando facer usos abusivos do recurso, o que en definitiva axuda a manter os niveis de abastecemento. Este debe de ser o camiño a seguir polo resto de administracións que prestan servizos relacionados coa auga, xa que nestes momentos moitos concellos cobran mínimos que están por encima do consumo real, o que invita a hábitos de consumo non responsables.

Ademais, aplicaranse descontos a familias numerosas, mentres que as comunidades de usuarios e captacións propias, é dicir os pozos e traídas particulares non estarán obrigados de pagar o canon da auga, tal e como se acordou cos sindicatos agrarios, unha postura que a Xunta defendeu e mantivo dende o principio da redacción da lei.

Con esta medida a Xunta recoñece o esforzo dos propietarios de pozos particulares e traídas veciñais que tiveron que autoxestionar o seu abastecemento, alí onde as administracións non puideron chegar. Por iso, establécense os mecanismos que permitirán a non liquidación do canon da auga ás persoas que estean nesta situación.

A aplicación nas industrias
O canon da auga para os usos non domésticos (industriais na maior parte) busca un dobre obxectivo: que estas entidades participen proporcionalmente ao seu impacto na mellora do ciclo da auga, e a diminución da contaminación vertida, incentivando coas tarifas que compense depurar os afluentes das industrias cos máximos rendemento posibles, mellorando as condicións das autorizacións de vertido. Séguese así o principio de quen contamina paga, e quen máis contamina, máis paga.

O canon para os usos non domésticos tamén é coherente co principio de progresividade, é dicir, cun consumo inferior a 2.000 m3/ano se asimilan aos domésticos e, aqueles que o superen tributan unha tarifa superior á da dos usos domésticos dende o primeiro metro cúbico. 

Segunda comunidade co canon máis barato
O canon da auga a aplicar será aínda o máis barato de España, xunto co que se cobra en Andalucía. Si se revisan as tarifas domésticas do canon vixente noutras comunidades autónomas, en Cataluña a tarifa do canon da auga para o tramo ata 10 m3 é de 0,39 €/m3 (por comparación aos 0,28€ /m3 do novo canon de Galicia). En Aragón a tarifa do canon é de 0,47€ /m3, sen mínimos exentos e cunha cota fixa de 3,94 €/mes (en Galicia o novo canon prevé unha cota fixa de 1,5 €/mes). En Asturias a tarifa é de 0,36 €/m3 sen mínimos exentos. En Castela -A Mancha, a tarifa é de 0,42 €/m3 sen mínimos exentos. En Andalucía é de 0,10 €/m3, pero a lei andaluza establece un segundo tributo, o canon de mellora de infraestruturas, de 0,60 €/m3.

No hay comentarios:

Publicar un comentario