Os días 24 e 25 haberá cadansúa sesión informativa en Pontevedra e Vigo,
respectivamente
· Moitos dos usuarios descoñecían que
tiñan un contrato no mercado libre
· A porcentaxe de usuarios no mercado
libre sitúase entre o 20 e o 33% en Vilagarcía e Vigo, pero ascende ao 88% en
Ponteareas
· As tarifas de discriminación horaria,
as axudas públicas e os pasos e condicións para o cambio de contrato son
algunhas das consultas máis repetidas
Preto de 1.000 familias pasaron xa polas oficinas de asesoramento sobre a
factura de electricidade postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e a Unión
de Consumidores de Galicia nos primeiros 17 días de funcionamento, segundo
informou esta mañá o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán.
Louzán destacou que os datos de asistencia a estes puntos de información e
asesoramento personalizado (10 en toda a provincia) demostran, unha vez máis,
“o acerto da posta en marcha desta iniciativa” por parte da Deputación e a
UCGAL.
O titular da Administración provincial recalcou a complexidade existente no
mercado eléctrico e a confusión que a miúdo existe entre a poboación á hora de
coñecer este servizo.
Así, afirmou que desde a Deputación se pretende poñer algo de claridade en
todo o relacionado co mercado eléctrico e asesorar a todos os interesados para
que poidan resolver dúbidas e reducir así os custes da súa factura eléctrica.
“Non somos capaces de ler unha factura; vai haber cambios nos contadores;
hai subidas e baixadas de tarifa permanentemente; non sabemos se o contrato que temos é o que debe ser ou non e a
todo iso é ao que intentamos dar resposta desde a Deputación e a Unión de Consumidores,
por medio de técnicos expertos”, asegurou, incidindo no sei convencemento de
que “unha sociedade mellor informada vai en beneficio de todos”.
Por iso, ademais das charlas xa ofrecidas no mes de xullo en numerosos
concellos da provincia e das oficinas de atención personalizada abertas ao
público nestes momentos, os vindeiros 24 e 25 de setembro terán lugar cadansúa
sesión informativa na sede da Deputación en Pontevedra e Vigo, respectivamente.
Serán ás 20,00 horas e nelas os asistentes terán ocasión de obter as claves
xerais para obteren o maior aforro posible na súa factura eléctrica.
Principais consultas
En canto ao balance destes primeiros 17 días de funcionamento das oficinas,
os datos recollidos nas oficinas reflicten a existencia de numerosas dúbidas
entre os cidadáns incluso no que respecta a algo tan básico como é con quen
teñen contratado o servizo.
De feito, os técnicos que asesoran aos usuarios detectaron un elevado
número de persoas que están no mercado libre sen sabelo e que son informadas
deste aspecto nas propias oficinas. Este é, precisamente, un dos principais
motivos de consulta recibidos nos 10 puntos de asesoramento da provincia.
Así mesmo, son moitos os usuarios que acudiron ás oficinas de información
para contrastar os datos que lle deron nas oficinas de compañías
comercializadoras ou algúns comerciais e que, segundo os técnicos da UCGAL,
demostran que á complexidade do tema e á falta de transparencia se están
sumando prácticas abusivas: ocultación de información relevante para o consumidor
(como a posibilidade de acceder ao bono social ou sobre as tarifas de
discriminación horaria), a existencia de penalizacións aos usuarios incumprindo
os requisitos legais, ou o desenvolvemento de campañas de captación de clientes
agresivas.
Os técnicos da Unión de Consumidores están poñendo luz sobre todos estes
asuntos e cada un dos usuario sae da oficina con información detallada e
adaptada ao seu caso particular para que poidan dar os pasos que lle van
permitir aforrar na súa factura e facer fronte a posibles enganos ou abusos.
O motivo central que levou aos usuarios a acudir ás oficinas de
asesoramento é a busca de solucións que lles permitan aforrar na súa factura,
polo que, ademais das consultas relativas ao mercado libre e regulado e as posibilidades
e condicións para cambiar de un tipo de contrato a outro, as cuestións máis
repetidas refírense á existencia de axudas públicas (tarifa de último recurso e
tícket eléctrico social, que moitos dos asesorados descoñecían); á conveniencia
ou non de acollerse a unha tarifa de discriminación horaria; se a potencia
contratada é a que precisan ou non ou as vías de reclamación ante problemas coa
facturación e, especialmente, no caso de contratacións non consentidas.
Así mesmo, foron moitos tamén os que acudiron nestes primeiros días a
contrastar a información sobre ofertas comerciais de empresas do mercado libre;
sobre as propostas de acollerse a un prezo fixo anual efectuadas polas
comercializadoras de referencia; ou sobre as cartas remitidas polas compañías
explicando o cambio da tarifa TUR ao PVPC.
Datos por oficinas
En canto á asistencia a cada unha das 10 oficinas abertas ao público na
provincia, están a rexistrar un ritmo crecente de demanda de atención, de forma
que na primeira semana a afluencia foi máis reducida e, a medida que a
poboación tanto a través dos medios de comunicación como do boca a boca vai
coñecendo o papel que están a desenvolver, medra a cantidade de usuarios
atendidos.
De feito, do 2 ao 5 de setembro visitaron as oficinas algo máis de 250
persoas, mentres que na semana en curso son xa case 400 as persoas atendidas.
Malia que a afluencia está a ser constante en todas as oficinas, son as de
Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Ponteareas e Tui as que teñen recibido a un maior
número de persoas.
Así, nestes primeiros días as oficinas de Vigo e Pontevedra situáronse no
contorno dos 150 usuarios cada unha, mentres que Vilagarcía superou os 120 e
Ponteareas se achega xa aos 100 demandantes de asesoramento.
A oficina de Tui é outra das que está a rexistrar unha notable asistencia,
de forma que xa se levan atendidas más de 75 consultas, ao igual que a oficina
de A Estrada.
En Lalín son preto de 60 as persoas atendidas, pouco menos que as
asesoradas en Redondela, onde se superaron lixeiramente os 65 usuarios.
Finalmente, Cangas e Cambados recibiron máis de 60 e 80 usuarios
respectivamente.
Porcentaxe mercado libre
Dos datos recollidos nas oficinas de asesoramento tamén se desprende que
existe unha notable diferenza entre a porcentaxe de usuarios no mercado libre
rexistrados nas oficinas do centro e norte da provincia e as rexistradas no
sur.
Así, mentres que en Vilagarcía a porcentaxe de usuarios no mercado libre se
sitúa en torno ao 20% e en Vigo no 33%, en Ponteareas esta cifra acada o 88%,
cifra similar á de Tui.
Esta diferenza ven motivada en boa medida pola existencia nestas zonas de
empresas comercializadoras locais coas que teñen contratada a subministración
boa parte dos veciños e veciñas.
Finalmente, cómpre destacar que nas oficinas tamén se están atendendo
consultas en relación a outros temas, como telefonía, seguros ou vehículos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario