A XUNTA LICITA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE REFORMA DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE PONTEVEDRA, CUN INVESTIMENTO DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 17 de noviembre de 2017

A XUNTA LICITA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE REFORMA DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES DE PONTEVEDRA, CUN INVESTIMENTO DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS






  • O DOG publica hoxe esta licitación na que se indica que as empresas interesadas na execución do contrato, cun prazo de catro meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 29 de novembro
  • Trátase da 2ª fase do proxecto da intermodal, que complementa a unha 1ª que prevé a reordenación da  zona do aparcadoiro, un acceso desde a rúa Josefina Arruti e a conexión a pé entre as terminais, cuxa redacción xa se adxudicou
  • Os traballos de acondicionamento da estación de autobuses inclúen a remodelación da fachada, a reparación da cuberta ou a renovación de espazos interiores, entre outras accións de mellora integral
  • O Executivo autonómico reservou nos Orzamentos para 2018 unha partida duns 800.000 euros para avanzar nesta actuación, o que amosa seu compromiso con este proxecto estratéxico para a cidade de Pontevedra

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da redacción do proxecto básico e de execución da reforma da actual estación de autobuses de Pontevedra.

Este contrato, cun prazo de execución de catro meses, consta dun orzamento de licitación de máis de 41.000 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 29 de novembro. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/yHnbSK

Estas actuacións para a adecuación do edificio actual da terminal de autobuses disporán dunha achega económica de 1,5 millóns de euros. Trátase da 2ª fase do proxecto da intermodal de Pontevedra, que inclúe as estacións de autobuses e tren, cun investimento total próximo aos 4 millóns de euros.

Os traballos, cuxa redacción se licita hoxe, abranguerán importantes accións de acondicionamento na estación de autobuses como por exemplo, a remodelación da fachada, a reparación da cuberta ou a renovación de espazos interiores.

Estas obras teñen como obxectivo a mellora integral das instalacións da terminal de autobuses para dar cobertura ás necesidades actuais, polo que tamén se optimizará o tránsito de autobuses e peóns na contorna da terminal.

Esta adecuación vén complementar aos traballos dunha primeira fase do proxecto, cuxa redacción xa se adxudicou e que contempla a reordenación da actual zona de aparcadoiro, un novo acceso á estación desde a rúa Josefina Arruti e a optimización da conexión a pé entre as dúas terminais cun itinerario peonil.

O Executivo autonómico reservou nos Orzamentos para 2018 unha partida duns 800.000 euros para avanzar nesta actuación, o que amosa seu compromiso con este proxecto estratéxico para a cidade de Pontevedra, que  facilitará o intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario