Veciñas
e veciños de seis concellos da provincia de Pontevedra realizarán visitas
guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico
O programa da Deputación de Pontevedra “En Ruta coa Depo” organiza para
esta semana sete novas saídas que contan coa participación de preto de 500
persoas de diferentes asociacións da provincia. Estas excursións, que terán
lugar entre este venres e o domingo, permitirán ás persoas participantes
coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.
Para comezar, mañá, 1 de decembro, iniciarase a actividade de “En Ruta coa
Depo” con “Camelias do Mar”, un percorrido que permitirá a un grupo de 108
persoas do Fogar do Maior do concello de Caldas de Reis visitar o Pazo de
Rubiáns, A Saleta e o Pazo Quinteiro da Cruz.
Xa o sábado terán lugar catro novas excursións nas que participarán preto
de 215 persoas. En concreto, 54 persoas da AA.MM.RR. de San Xurxo de Vea, da
Estrada, farán unha ruta cultural por Salvaterra de Miño e Arbo, visitando o
Conxunto histórico de Salvaterra, o parque da Canuda, o Centro de Interpretación
do Viño e da Lamprea e as pesqueiras do Miño. Pola súa banda, 52 persoas da AA.MM.RR.
“A Fátima” Moreira da Estrada percorrerán o conxunto histórico de Cangas, a
igrexa do Hío, o miradoiro da Costa de Soavela, Cabo Home e Udra e o Museo Massó
en Bueu. Amais, 54 persoas do Centro Socio-Comunitario de Vilaxóan en
Vilagarcía de Arousa percorrerán o castro de Santa Trega na Guarda, o espazo
fortaleza de Goián en Tomiño, o conxunto histórico de Tui, monte Aloia e Alto
dos Cubos.
Tamén o mesmo sábado, 2 de decembro, outras 54 persoas da Asociación Centro
Cultural Artístico e Recreativo de Valladares, de Vigo, realizará unha ruta
interxeracional polo parque da natureza do Río Barosa en Barro, o parque
arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, as fervenzas de Raxoi e
Pedrafita en Valga e a área recreativa e praia fluvial de Ponte Valga.
En canto ao domingo, serán preto de 145 persoas as que participarán nas dúas
excursións organizadas. Por unha banda, 53 persoas da Asociación Cultural
Deportiva Gharaboto de Marín realizarán unha visita ao conxunto histórico de
Salvaterra de Miño, ao parque da Canuda, ao Centro de Interpretación do Viño e
da Lamprea e ás pesqueiras do Miño en Arbo.
Amais, outras 90 persoas da Asociación de Nais e Pais San Martiño de
Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, realizarán un percorrido polo centro
Castrodeza de Lalín, polo Museo Municipal Ramón María Aller, polo pazo de
Liñares, o Museo Galego da Marioneta e a Casa do Patrón.
O programa “En ruta coa
Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da
igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con
diversidade funcional. Amais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar
actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o
asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas
específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os
nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a
conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias
estivais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario