Preto dun centenar de persoas participaron nas catro mesas
de traballo para analizar produtos afines e delimitar as accións de futuro
Preto
dun centenar de persoas participaron nas
catro mesas de estratexia definidas na elaboración do Plan Estratéxico de
Turismo da provincia de Pontevedra 2017-2020 que está a elaborar a Deputación
de Pontevedra.
Estas catro mesas, celebradas ao longo do
mes de outubro, dividiron a provincia en catro zonas, costa e interior Norte e Sur. Nestas mesas
participaron os representantes dos concellos de Cambados, Baiona, Barro, Campo Lameiro,
Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Illa de Arousa, Meaño,
Mondariz-Balneario, O Grove, O Rosal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Sanxenxo,
Tomiño, Tui e Vilagarcía. Ademais, participaron representantes de
asociacións turísticas e empresariais,
fundacións, aloxamentos turísticos, clubs náuticos, empresas de turismo náutico
e turismo activo, centros de formación
profesional de hostalería e turismo, museos, representantes de Festas de
Interese Turístico e do Clúster de Turismo de Galicia.
Nas
mesas explicouse que os retos aos que debe responder o Plan Estratéxico de
Turismo da Provincia de Pontevedra 2017-2020 son aposta por un destino
sustentable social, económica e ambientalmente; o posicionamento do destino
segundo os valores que se queren transmitir: sustentabilidade, autenticidade,
excelencia, atemporalidade e internacionalidade; o compromiso coa excelencia
tanto do destino como do sector turístico implicado no territorio, apostando
pola calidade e pola innovación turística, e a implantación dunha xestión
intelixente do destino, compartida e eficiente entre os diferentes axentes con
competencias turísticas do territorio.
En cada
unha das mesas e cos seus participantes, e asesorados por persoal experto en
turismo, realizouse unha dinámica de traballo en grupos. Cada un dos grupos traballou
unha serie de produtos afíns á entidade á que representaba, coa finalidade de
propoñer accións para levar a cabo nos diferentes plans de produtos que vai
recoller o Plan Estratéxico. En liñas xerais, tratáronse cuestións relacionadas
coa cooperación e colaboración a tres niveles, o público; o privado-público e o
privado, onde os asistentes propuxeron fórmulas de colaboración para
implementar no destino. Tamén se trataron cuestións de posta en valor dos
recursos turísticos cos que conta a provincia, que plans de produto van crear
cunha visión de alcance dun destino turístico sustentable e unha aposta clara
polo equilibrio territorial.
Así
mesmo, reflectiuse que é importante especializar ao sector privado para ofrecer
unha boa acollida do turista, coñecendo ben as súas expectativas e necesidades.
Tamén quedou constancia da necesidade de especialización do destino turístico,
competitivo e excelente. Por último, traballouse en cales deben ser as canles
de promoción para a difusión do destino e da oferta turística, así como a que
público obxectivo débese enfocar o Plan.
Agora,
e tras esta fase de traballo, queda pendente a incorporación das conclusións as
liñas estratéxicas e a elaboración do plan de financiación para a
implementación das medidas, a delimitación do control da posta en marcha e o
plan propio de comunicación para concluír os traballos do plan estratéxico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario