§ Os sistemas 1, 2, 3, 9, 10, 13, 14, 15, 16, 17, 18, e 19 pasan a
situación de prealerta, xa que se ten constatado certa mellora nos caudais dos
ríos e no nivel dos encoros de abastecemento, cuxa subida se sitúa na media dos
últimos cinco anos
§ No caso dos sistemas cuxo ríos desembocan na costa comprendida entre O
Grove ata Cee e dos ríos Mero e Mandeo (sistemas do 4 ao 8 e 11 e 12) mantense
a situación de alerta, nos que se está a rexistrar unha recuperación máis lenta
§ Esta mellora foi posible grazas a que decembro foi un mes máis húmido
do habitual e as predicións apuntan a que xaneiro estará por riba da media
climatolóxica en canto ás precipitacións
§ O director de Augas de Galicia sinala que a chegada de novas borrascas
facilitará avanzar no camiño cara a normalidade
§ Avanza que se remitirá unha carta aos concellos para trasladarlles o
cambio de situación e recomenda manter as medidas que fomenten o aforro de auga
os 365 días do ano
A Oficina Técnica da Seca propuxo
esta mañá pasar á situación de prealerta por seca en 12 sistemas hidrográficos
da Demarcación Galicia-Costa. Esta é unha das principais conclusións á que se
chegou esta mañá na reunión da Oficina Técnica da Seca, presidida polo director
de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, na que se analizou a situación
dos recursos hídricos da Demarcación Galicia- Costa. Os técnicos concluíron
que, con carácter xeral, aínda non se ten constatada unha situación de
normalidade no mes de decembro a situación mellorou de xeito xeneralizado. Non
obstante, esta melloría non se produciu por igual en todos os sistemas da
demarcación e en ningún sistema acada a situación de normalidade propia desta
época do ano.
Os sistemas
que pasan a situación de prealerta son: os sistemas 1 e 2, concas do
Verdugo e Oitavén e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na Ría de
Vigo e na costa dos concellos de Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda; sistema
3, conca do río Lérez e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na
ría de Pontevedra; sistema 9, conca do río Grande e de todos os ríos
máis pequenos que desembocan na ría de Camariñas e a costa de Laxe; sistema
10, conca do río Anllóns e dos ríos máis pequenos que desembocan na costa
dos concellos de Ponteceso, Malpica e Carballo; sistema 13, conca do río
Eume e de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Ares (costa de
Ares, Cabanas, Pontedeume e Miño); sistema 14, conca do río Forcadas e
de todos os ríos máis pequenos que desembocan na ría de Ferrol e as costas
norte de Ferrol Narón e Valdoviño; sistema 15, conca do río Mera e de
todos os ríos máis pequenos que desembocan nas rías de Ortigueira e Cerdeira; sistemas
16, 17, 18 e 19, os ríos da Mariña lucense que desembocan no mar
Cantábrico.
Por outro
lado, tamén se decidiu manter a situación de alerta por seca nos sistemas que
se corresponden coa zona central (sistemas do 4 ao 8, ambos incluídos),
onde os principais ríos que se atopan son o Tambre, Ulla, Umia, Xallas e Castro
e en xeral as concas de todos os ríos que desembocan na costa comprendida desde
O Grove ata Cee e os sistemas 11 e 12, no que se atopan as concas dos
ríos Mero e Mandeo e as dos ríos máis pequenos que desembocan na Ría da Coruña,
ría de Betanzos e na costa de Arteixo. (Ao final da nota inclúese un mapa no
que se identifican os sistemas da Conca Galicia-Costa).
Indicadores
analizados
O director de Augas de Galicia argumentou que
despois dun outono moi seco, as condicións meteorolóxicas foron cambiando
durante o mes de decembro tras o paso de sucesivas borrascas que deixaron
choiva continuada e persistente. De feito, o último mes do ano 2017 foi máis
húmido do habitual e as predicións que trasladou Meteogalicia apuntan a que o
mes de xaneiro estará por riba da media climatolóxica no relativo ás
precipitacións.
En relación co caudal fluínte dos ríos, os
niveis presentan unha tendencia clara de aumento, pero aínda continúan por
debaixo dos valores medios normais para esta época do ano. Ademais a
recuperación non se produciu de forma similar en toda a demarcación e por esta
razón é recomendable manter a situación de alerta naqueles sistemas onte está a
ser algo máis lenta, os sistemas do 4 ao 8, 11 e 12), precisou o director de
Augas de Galicia, quen engadiu que os piezómetros tamén acreditan unha certa
recuperación na maioría de puntos de control, pero con distinta incidencia en
función da súa bacía.
En relación
coa situación dos embalses, estes tamén melloraron. A porcentaxe de ocupación
dos destinados aos abastecemento (dato do 8 de xaneiro) sitúase no 74,15%,
situándose na media dos últimos 5 anos.
O director
de Augas de Galicia reiterou que Galicia entrou en situación de alerta por seca
hidrolóxica, debido aos baixos niveis de caudal circulante que levaban os ríos
e esta situación non se reverte polo paso de varias borrascas; pois a
Comunidade galega sufriu os efectos de cinco estacións meteorolóxicas secas ou
moi secas continuas.
Aclarou que
é certo que os indicadores experimentaron unha melloría significativa, pero
isto non significa que agora xa sobre auga e se teña recuperada a normalidade
nos recursos e, insistiu na necesidade de facer un uso e consumo responsable os
365 días do ano.
Nese
sentido, o director de Augas de Galicia avanzou que nos vindeiros días se
enviará unha carta aos concellos para trasladarlles a nova situación para que
cada un adapte a xestión dos recursos hídricos á nova situacións; que en todo
caso pasa por seguir recomendando prudencia ata que se consolide a situación de
normalidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario