Os técnicos tamén informan da
aparición das primeiras femias da eiruga que defolía frondosas e froiteiras
A
Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de
Pontevedra, fai hoxe público o primeiro aviso fitopatolóxico do ano, que vén marcado
pola incidencia das chuvias nas recomendacións sobre os traballos en froiteiras
e viña. Os técnicos aconsellan esperar a que o tempo mellore e se manteña máis
seco con certas garantías para realizar podas, no caso da viña, e aplicar
cobre, no caso das froiteiras. Tamén recomendan retirar froita podre de
cítricos, tanto das árbores como do solo, e evitar na medida do posible as
charcas arredor das árbores.
Desde
a EFA indican que desde finais do mes de decembro, concretamente desde o día de
Nadal, na maioría das zonas as precipitacións foron constantes, chegando a
acadarse ata cerca de 200 l/m2 na xeneralidade de estacións de MeteoGalicia da
provincia, ou mesmo cerca de 400 na de Fornelos de Montes. A pesares de que
algunhas previsións meteorolóxicas anuncian unha melloría relativa do tempo
para dos próximos días, o técnicos advirten que será unha melloría moi feble e
que non será suficiente, polo que non aconsellan as podas desde o punto de
vista da sanidade das plantas, xa que a humidade podería propiciar un elevado
inóculo de patóxenos.
O
aviso fitosanitario tamén advirte que nesta semana na EFA xa se capturaron as
primeiras femias de eirugas de Operophtera brumata e que se incrementou o
número de machos detectado. Hai que lembrar que dende hai dous anos esta
especie defolia gravemente as frondosas na provincia. Os técnicos informan que
desde este momento os adultos non capturados copularán e as femias porán unha
media de 200-300 ovos cada unha nas cortizas, nos liques que medran sobre as
árbores, na base das xemas ou noutros soportes. Neste estado pasarán o resto do
inverno para eclosionar na primavera.
A detección precoz das
primeiras eirugas na primavera será fundamental para facer un bo control desta
praga, pois desde o momento en que se introducen nas xemas ou unen as follas
tenras para alimentarse, é moi complicado limitar o ataque. Porén, xa nestes
momentos pódense tomar medidas preventivas como a instalación das trampas para
a captura de adultos e así reducir as posibilidades de apareamento.
A Operophtera brumata é unha especie orixinaria dos países do norte e
centro de Europa que foi introducida no norte de Africa, nalgúns países
asiáticos e en América do Norte. Na nosa provincia estaba presente dende hai
tempo, pero desde 2015 obsérvanse graves danos nalgunhas carballeiras da
provincia no momento de agromar, xa que as súas eirugas se alimentan das xemas
foliares e de flor e das follas tenras. Na primavera de 2017, ademais, observáronse
os seus efectos tamén en outras especies como a faia, pois é un insecto que
pode atacar a diferentes frondosas (freixos, bidueiras, tilos...) e mesmo a
froiteiras (maceira, pereira, cerdeira...) ou pequenos froitos (arándanos)
No hay comentarios:
Publicar un comentario