Ata o
1 de febreiro poderán presentar as solicitudes segundo o modelo que se facilita
na páxina web da Deputación
Ata o
vindeiro 1 de febreiro permanecerá aberto o prazo para que os grupos e artistas
poidan solicitar a súa inclusión no Pontegal 2018. As bases de dito programa
saen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e inclúen o
formulario de solicitude que debe presentarse debidamente cumprimentado e coa
documentación anexa pertinente en cada caso.
Hai que
lembrar que o Pontegal é o programa mediante o cal a Deputación de Pontevedra
colabora cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten
actuacións de grupos e artistas inscritos en dito programa. Cada ano ábrese un
prazo que abrangue desde principios de xaneiro e ata o 1 de febreiro para que
os grupos e artistas poidan solicitar a inscrición, nun amplo abano de
disciplinas que inclúe bandas de música, masas corais, grupos folclóricos,
grupos de gaitas, agrupacións de música tradicional, compañías de teatro
profesional ou afeccionado, conferenciantes, entre outros, co fin de contribuír
a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e
as demais manifestacións artísticas. Este programa é un dos máis solicitados
por parte de concellos e asociacións para levar a cabo e/ou complementar as
súas propostas culturais. Concretamente, no Pontegal do ano pasado
inscribíranse un total de 1.436 grupos e artistas –hai que lembrar que se
incrementaran categorías, implementando as de teatro profesional e a de
conferenciantes-, e as actuacións concedidas ascenderan a 3.311.
Os
grupos admitidos percibirán unha retribución fixa por parte da Deputación –o
resto do caché debe asumilo o concello ou asociación que realiza a actividade-
que queda estipulada na táboa de retribución incluída nas bases que hoxe se
publican. Dita táboa recolle o importe
correspondente a cada tipo de grupo, establecendo un total de 35
clasificacións. Así, para as bandas de música establécese un baremo máximo de
600 euros e mínimo de 450, segundo a clasificación de cada unha -número de
membros e escola de música-. Para compañías de Teatro establécese un importe de
800 euros para compañías profesionais do grupo A, 500 euros para as compañías
profesionais do grupo B, e 375 para as compañías afeccionadas do grupo C. Para
as masas corais contémplanse importes de 270 e 240 euros segundo a
clasificación; para os grupos folclóricos o abano vai entre os 270 e os 200
euros; e para animación infantil, cantautores/as, poetas, e humoristas
establece un importe de 210 euros.
Segundo
estas bases, todos o grupos, compañías e artistas cuxas inscricións sexan
aceptadas no Pontegal deben realizar as súas actuacións, conferencias e/ou
audiovisuais obrigatoriamente en lingua galega. Esíxeselle ademais que
presenten xunto coa documentación unha declaración asinada na que se
comprometen a empregar a lingua galega e unha linguaxe non sexista no
desenvolvemento das súas actuacións. Esta obriga tamén debe ser atendida polos
concellos e asociacións que soliciten as actuacións, conferencias e
audiovisuais, que deben facer toda a cartelería, promoción, e difusión en
idioma galego. O non cumprimento destes requisitos é motivo de exclusión
das axudas deste programa.
Novidade nos criterios de adxudicación
A
principal novidade na convocatoria deste ano atópase nos criterios de
adxudicación das actuacións a concellos e asociacións. Así, as máximas
puntuacións corresponden a actuacións encamiñadas á dinamización da lingua
galega, con ata 30 puntos, e as incluídas en programas de carácter social, isto
é, que aposten pola igualdade de xénero, tamén con ata 30 puntos. Os outros
criterios que tamén se terán en conta serán o interese supramunicipal, a
duración da actividade e o público destinatario.
Estes
criterios tamén correspondencia co importe máximo que se establece na adxudicación
das actividades, tendo en conta tres tramos: as actividades englobadas en
programas de dinamización do galego poderán solicitar ata 1.600 euros por
actividade; as actividades englobadas en programas de fomento da igualdade
entre homes e mulleres e en eventos de carácter social con colectivos en risco
de exclusión poderán solicitar ata 1.500 euros por actividade; mentres que o
resto de actividades terán ata 1.200 euros por actividade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario