§
A conselleira de
Infraestruturas destaca que cos 7,2 millóns de euros consignados nos Orzamentos
a Xunta prevé pór en marcha as obras das terminais de Santiago, Ourense
Pontevedra e Vigo e avanzar nos traballos de Lugo e Ferrol
§
Lamenta que os
cambios de criterio do Concello da Coruña obriguen a redefinir gran parte do
traballo de deseño que estaba feito, acarreando un importante retraso
§
Salienta que a Xunta
licitou xa por 10,4 millóns de euros as obras da estación de Santiago, cuxo
deseño se consensuou co Concello que,
pola contra, non facilita información sobre o seu proxecto de accesos á
terminal
A conselleira
de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou que desde a Xunta se está a
avanzar no impulso das novas estacións intermodais –estacións de autobuses
integradas nas de ferrocarril- e salientou a necesidade de implicación dos
Concellos nas súas responsabilidades nos proxectos.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, Vázquez Mourelle
aclarou que, tanto o Goberno autonómico como o central traballan para desenvolver os proxectos das estacións intermodais nas
cidades.
Trátase, dixo, de infraestruturas
estratéxicas que, ademais de permitir conexións sinxelas entre os distintos
modos de transporte, permitirán aproveitar todo o potencial da chegada da alta
velocidade a Galicia e contribuirán a “facer cidade” mediante proxectos
sostibles e integrados na paisaxe que mellora a organización urbana.
Ethel Vázquez indicou que os Orzamentos da Xunta deste ano
consignan unha partida de 7,2 millóns de euros cos que se prevé pór en marcha as obras nas estacións
intermodais de Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais de rematar o
proxecto correspondente á intermodal da Coruña e avanzar
nos traballos en Lugo e Ferrol.
A responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico explicou
que o proxecto para a cidade da Coruña está máis atrasado, debido aos diversos
cambios de criterio d Concello nos últimos meses. A ese respecto lembrou que o
Goberno local apostou nun primeiro momento por un tipo de estación, un proxecto
ambicioso que, suporía a reordenación da avenida de Sardiñeira e cando a Xunta
tiña o proxecto, mudou de idea e decidiu apostar por unha actuación máis
modesta.
Neste momento, Ethel Vázquez destacou que os cambios do Concello
obrigan a redefinir gran parte do traballo que estaba feito no deseño da
terminal de autobuses, polo que se fai necesario levar a cabo unha nova
licitación da redacción do proxecto o que supón un importante retraso na
execución da estación intermodal con respecto a outras cidades.
No caso de Santiago, as obras da terminal de autobuses integrada
na estación intermodal, xa están licitadas -e o anuncio xa foi publicado no
Diario Oficial de Galicia o pasado luns- por importe de 10,4 millóns de euros.
Non obstante, subliñou que, para comezar as obras, é preciso que
antes o Concello de Santiago materialice a expropiación dos terreos necesarios
e execute os accesos de modo simultáneo, para que as dúas actuacións vaian
acompasadas, e os accesos estean listos canda a entrada en servizo da terminal
de autobuses.
A conselleira insistiu na necesidade de que o Concello de Santiago
ofreza máis información directa, xa que xera unha incerteza que impide coñecer
cómo se resolverán as entradas e saídas á estación.
Aclarou tamén que, desde a Xunta, sempre se estivo en contacto
directo co Concello, ofrecendo información de todos os detalles proxecto da
terminal de autobuses e número de dársenas, mentres, cando se requiriu
información do Concello sobre as cuestións urbanísticas e sobre os accesos, non
proporciona información precisa sobre cómo e en que prazos quedarán definidas
as actuacións da súa competencia.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA
No hay comentarios:
Publicar un comentario