© Mónica Patxot
A violencia sobre as mulleres adopta formas moi diferentes e non necesariamente esixe que o que a exerce e a súa vítima teñan ou tivesen unha relación sentimental. Así se desprende do escrito de acusación formulado pola Fiscalía de Pontevedra en relación co feminicidio da moza Jessica Méndez, presuntamente asasinada por José Eirín, un home que levaba anos acosándoa e encaixou o seu coche contra o dela en Porráns, Barro.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis pechou a instrución da causa aberta en marzo de 2022 e o fiscal presentou un escrito de acusación no que é contundente á hora de afirmar que ela é vítima de violencia de xénero a pesar de que non había relación previa entre ambos.
A Fiscalía xa presentou hai meses, na primavera, o escrito de acusación, no que considera que o único acusado nesta causa, José Eirín, veciño da vivenda familiar da vítima, é autor dun delito de asasinato con aleivosía no que concorre, como circunstancia agravante, cometelo "por motivos ou razóns de xénero".
A agravante de xénero era unha das cuestións sobre as que clamaba a contorna de Jessica desde o principio, pois o acusado e a vítima nunca foran parella, pero el levaba anos acosándoa para que mantivesen unha relación sentimental.
O fiscal non o acusa por ningún delito de acoso, ao non poderse achegar probas concluíntes dese delito, pero si ten en conta esa situación de acoso previa. "A forma violenta de proceder do investigado debeuse á circunstancia de que durante varios anos nunca obtivo unha resposta da falecida ás pretensións sentimentais ou afectivas que albergaba", sostén o escrito de acusación.
Desta forma, ela foi vítima dun delito no ámbito da violencia de xénero, pois "a postura de indiferenza ou de invisibilidade do investigado para a falecida non era unha conduta esperable do xénero feminino para a mentalidade do investigado".
Segundo o fiscal, el actuou así sobre a falecida "pola indignación ou o odio que lle xerou o seu silencio ou o seu desprezo durante un período de tempo tan prolongado".
As partes xa formularon as súas acusacións e o caso chegará a xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra, pero aínda non hai data porque están pendentes dun último trámite xudicial indispensable, a vista preliminar. Logo, fixarase o xuízo, previsiblemente, antes de marzo de 2024, cando se cumprirán os dous anos dos feitos e do ingreso en prisión do acusado. En caso de celebrarse máis tarde, deberá prorrogarse a súa situación de encarceramento.
Aínda que xa chegou a fixarse dúas veces, o 31 de xullo e o 15 de setembro, tivo que suspenderse en ambas as ocasións por motivos de saúde dun avogado e volveu a fixarse para outubro.
O fiscal, Alejandro Pazos, pide para o acusado 24 anos de prisión e que se lle impoña a pena de afastamento ou de prohibición de aproximación aos familiares da vítima -os seus pais e irmáns- e ao compañeiro sentimental dela no momento do asasinato. Non poderá achegarse ao seu domicilio, ao seu lugar de traballo ou a calquera lugar no que se atopen a unha distancia inferior a 1.000 metros e tampouco comunicarse con eles por calquera medio, xa sexa verbal, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático durante 10 anos.
O escrito da Fiscalía tamén inclúe unha petición de indemnización para os achegados da súa vítima que rolda os 400.000 euros, 128.350,196 para a súa parella, 99.827,76 para cada un dos seus pais e 28.522,28 euros para cada un dos seus dous irmáns.
O relato de feitos da Fiscalía sostén que o 17 de marzo de 2022, sobre as 9.25 horas, o acusado conduciu o seu vehículo Seat Toledo pola estrada nacional N-550 e, en Porráns, observou que Jessica estaba esperando nun cruzamento para incorporarse á vía principal.
Nese momento, "co ánimo de acabar coa vida da condutora" puxo o seu coche a unha velocidade aproximada de 80 e poucos quilómetros por hora e impactou co seu vehículo coa parte central do lateral esquerdo do vehículo dela, que estaba parado. Xusto impactou coa zona na que se achaba ela e, segundo o fiscal, fíxoo "a propósito" de que este tipo de colisión "pode ocasionar a morte do condutor-a".
O fiscal sostén que "o investigado asegurou así a execución do seu propósito de matar" a Jessica "sen darlle ningunha posibilidade de reacción ou de defensa". Como consecuencia do impacto, a muller sufriu feridas mortais que a deixaron en coma durante unhas horas ata o seu falecemento ás 10:00 horas do día seguinte, 18 de marzo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario